Noticias

Os Reis Meigos comparten cos cativos da Lama unha chocolatada con rosca e repártenlles os seus primeiros agasallos

O éxito da convocatoria foi desbordante ao xuntarse nenos de concellos limítrofes como Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas que non se quixeron perde-la recepción oficial ás Súas Maxestades de Oriente


05 xaneiro 2020
A Lama
Reis Meigos

Os Reis Meigos de Oriente compartiron unha gran chocolatada con rosca con ducias de nenos e nenas chegados ata o Multiusos da Lama desde tódalas parroquias do municipio así como doutras limítrofes dos concellos de Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas. As Súas Maxestades chegaron a bordo de tres Seiscentos máxicos escoltados por membros lamenses da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea que fixeron sonar a sireana da pick-up de emerxencias que simultaneaban o anuncio da chegada real cos accionar dos cláxons dos vehículos reais.

Despois de facerse de rogar, as Súas Maxestades deron  unha volta polo centro da vila anunciando a súa presenza e congregando a cativos, pais, nais, avós e avoas, diante do Centro Multiusos da Lama lugar escollido polo Concello para brindarlles a recepción real aos tres Reis Meigos de Oriente.

Unha vez que estacionaron os seus vehículos fronte á entrada do Multiusos, o paxe real, a modo de heraldo, fixo atronar a súa campá anunciando a chegada dos Reis Meigos e convidando a nenos e maiores a participar da recepción real e a compartir con eles unha gran chocolatada con rosca.

As súas Maxestades ocuparon os seus tronos e foron recibindo as derradeiras peticións dos cativos para esta noite máxica e tamén algunha que outra realizada polos maiores, entre eles o presidente da Lama, S.D., Marcial Peso, e varios directivos que lle pediron aos Reis Magos o ascenso á Primeira Autonómica para o equipo.

Os Reis Meigos foron auxiliados nas súas tarefas polo tenente de alcalde, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, quenes en nome do Concello foron facilitándolle ás Súas Maxestades os agasallos e chuches que foron repartidos entre o numeroso público presente que abarrotou por completo o salón principal do Multiusos.

Para rematar o evento, os Reis tomaron a palabra e pediron aos cativos que se deiten cedo esta noite e que lles deixen uns modestos tentempés para permitirlles continuar toda a noite co seu máxico traballo e regreso a Oriente.

O tenente de alcalde David Carrera e o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, agradeceron ás Súas Maxestades o paso pola Lama e o esforzo que fan tódolos anos por atender o máximo das peticións que lles realizan os cativos e aproveitaron para convidalos a que pasen en calquera momento e con máis calma pola Lama para admira-las marabillas paisaxísticas das súa 10 parroquias e podan disfrutar da cociña tradicional e da boa gastronomía local. Comprometéronse tamén a seguir convertendo á Lama no concello de referencia no interior da provincia de Pontevedra en canto ao turismo verde, turismo familiar e dos amantes da natureza e o sendeirismo poñendo en valor o mundo rural para combatir o despoboamento e favorecendo o deserolo económico e social dos veciños e veciñas da Lama.