Noticias

Os Servizos Sociais do Concello da Lama reciben 450 quilos de alimentos das campañas solidarias levadas a cabo no campo de fútbol e no concerto de nadal

A colaboración veciñal permite renovar por completo o banco de alimentos local para atender a medio cento de usuarios do municipio


02 xaneiro 2020
A Lama
Operación Quilo

Os Servizos Sociais do Concello da Lama recepcionaron uns 450 quilos de alimentos non perecedeiros recadados en actuacións solidarias levadas a cabo polo A Lama, S.D. no campo de fútbol municipal de Racelo e o Concerto de Nadal protagonizado pola Banda de Música de Cerdedo, a Banda de Gaitas Os Catro Ventos e o cantautor do mítico Fuxan Os Ventos Xosé Iglesias.

Os alimentos non perecedeiros foron recepcionados polo persoal municipal de Servizos Sociais e catalogado axeitadamente para permitir a confección de lotes variados e completos para atende-la demanda do medio cento de usuarios que son atendidos desde o banco local de alimentos.

A solidariedade lamense permite ao departamento de Servizos Sociais do Concello encher de novo os almacéns de alimentos cos que conta o banco local e seguir atendendo as demandas que se podan producir da poboación en risco de exclusión e que se complementa tamén con accións e doazóns da Cruz Vermella e da Fundación Amigos de Galicia a través dos convenios subscritos co Concello da Lama e que darán cobertura social nesta materia a todo o ano 2020.

O alcalde Jorge Canda e o concelleiro e directivo da Lama, S.D., Daniel Vidal, agradeceron aos veciños e veciñas do municipio a solidariedade amosada durante estes días que permitiu encher por completo os almacéns de alimentos dos Servizos Sociais do Concello da Lama.