Noticias

David Carrera e Daniel Vidal comproban como as obras do camiño da volta do río se adaptan ás peticións veciñais

Os edís trasladaron aos responsables da empresa que está a executa-los traballos a necesidade de atender problemas causados polas augas pluviais, acceso a fincas e mellora da pontella que facilita o paso á zona


08 outubro 2020
A Lama
Visita obras A Lama

O tenente de alcalde do Concello da Lama David Carrera acompañado polo concelleiro de zona, Daniel Vidal, visitaron diversas obras que se están acometendo na parroquia de Escuadra, concretamente no Camiño da Volta do Río, para cerciorarse que os traballos recollían as peticións veciñais realizadas a estes dous concelleiros para resolver do mellor xeito posible problemas de pluviais, acceso a fincas así como a mellora da plataforma da pontella que facilita o paso á zona.

Estas obras que se están acometendo permitirán tamén mellora-la rede viaria interior do municipio da Lama, máis concretamente neste barrio de San Lourenzo, onde había serios problemas de acceso rodado para vehículos de emerxencia. Estas obras pódense acometer grazas á colaboración veciñal xa que un par de persoas cederon parte do muro da súa propiedade para poder efectualas.

Estos traballos que se están executando en dúas fases, permitirán aos veciños deste lugar da parroquia da Escuadra poder acceder mellor ás súas vivendas e tamén propiedades xa que o camiño existente era moi estreito e presentaba achicamentos por mor de caída e movementos de muros.

Precisamente a construción de novos muros e algún peche perimetral son os principais traballos que se están acometendo así como o formigonado do vial ata chegar ao propio río Barbeira facilitando no final do camiño unha pequena explanada, a modo de praza, para que os vehículos poidan da-la volta cómodamente e poder emprende-lo camiño de volta.

Asemade, esta paraxe xunto ao río Barbeira, en San Lourenzo, quedará mellor comunicado e poderá permitir o acceso non so a residentes senón tamén a visitantes que se achegan ata este lugar para contemplar unha pontella de bela feitura e varios muíños, entre eles o da Fachica, que constitúen parte do patrimonio etnográfico do concello da Lama.

Unha obra posible grazas á colaboración veciñal

Tanto David Carrera como Daniel Vidal agradeceron a colaboración veciñal que permitiu poder afrontar esta importante obra para os residentes nesta zona de San Lourenzo xa que sin a cesión dun muro e do terreo suficiente para facilita-lo ensanche sería imposible.

De feito, a presenza consante na execución destas obras do tenente de alcalde, David Carrera, e do concelleiro de Cultura e Deportes e tamén desta zona, Daniel Vidal, vén motivada pola necesidade de que os traballos que se acometen contemplen as suxerencias e peticións feitas polos veciños non so na mellora do trazado senón tamén á hora da recollida e canalización de augas pluviais.