Noticias

A mostra dos Bolechas xa pode visitarse na comarca da Paradanta

Durante o horario de mañá prográmanse visitas guiadas para que o alumnado dos centros educativos coñeza as variedades dialectais do país a través do universo Bolechas


09 outubro 2018
Inauguración Bolechas A Cañiza

Desde esta mañá e ata o 19 de outubro a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego' permanecerá instalada na praza Maior do Concello da Cañiza para dar a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas. Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca e polas tardes abre para todo tipo de público. A mostra xa abriu as súas portas con reservas por parte do CEIP de Valeixe, do CEIP da Cañiza, do CEIP Manuel Sieiro de Crecente, do CEIP Antonio Carpintero de Arbo, e do CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 horas, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.

A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas esta mañá coa presenza dos irmáns e irmás Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que viaxaron ata A Cañiza para darlle a benvida e saudar a un grupo de 35 alumnas e alumnos de 1.º, 2.º e 3.º de primaria do CEIP de Valeixe. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, a concelleira de Cultura, Ana Cerviño, e Tomás Valín representando á Editorial Bolanda.

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, dirixiuse ao alumnado dicindo que "espero que vos divirtades moito nesta carpa, xogando pero tamén aprendendo, porque poderedes ver como falades vós e como falan as rapazas e rapaces doutros lugares do país". Xosé Leal tamén se referiu ás diferencias interxeracionais asegurando que "ademais tamén poderedes ver como falades vós e como falan as vosas avoas e os vosos avós, e tamén as avoas e os avós doutros lugares". Por último, o deputado provincial animounos a "a volver por aquí todas as veces que queirades no horario de tarde, acompañados dos vosos amigos e das vosas familias". A concelleira de Cultura, Ana Cerviño aproveitou para agradecer á Deputación a iniciativa de transmitir o idioma por toda a provincia e "por escoller A Cañiza, como cabeceira de comarca, para instalar esta carpa", ao tempo que agradeceu ao equipo directivo do CEIP de Valeixe a súa implicación co proxecto. En representación da Editorial Bolanda, Tomás Valín explicou que a mostra está concibida "como un itinerario interactivo que nos vai contando como se fala en todos os puntos de Galicia, a través de diversos xogos que están aquí para que poidades utilizalos e aprender xogando".

A exposición –que xa estivo en Pontevedra, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Moaña, e A Estrada–, tras pasar por A Cañiza, continuará a súa itinerancia por Caldas de Reis, Tomiño, Ponteareas e Vigo.

Estrutura

A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás é o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego'. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura –estes últimos especialmente indicados para persoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista–.

O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase na entrada coa ‘Porta das palabras', onde as rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle unha zona de paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro', concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Continua cunha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; cunha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; un gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; e unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, o gran mapa da linguas concibido como un xogo da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.

Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.


Novas relacionadas

Os Bolechas en Caldas

23 outubro 2018, caldas de reis, bolechas, gatíos, gatos, ghatiños