Noticias

A mostra "Mulleres galegas na historia" reivindicará no Grove o papel de 17 mulleres invisibilizadas

A exposición poderá visitarse na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey desde o mércores 6 ata o sábado 30 de novembro


04 novembro 2019
Mulleres galegas na historia

A mostra "Mulleres galegas na historia" chegará á Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove cun acto de apertura que terá lugar o próximo mércores 6 de novembro, ás 19.00 horas. A exposición, que reivindicará o papel de 17 mulleres invisibilizadas e silenciadas, trátase dun evento itinerante que chega ao Grove tras o seu paso por Silleda, Moaña, Valga, Cuntis, Ponteareas, Tomiño, Baiona, Portas, Vilagarcía de Arousa e Meis. A mostra, que se poderá visitar ata o 30 de novembro, terá un horario de visita que será de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, e de 16.30 a 23.00 horas.

En liñas xerais, "Mulleres galegas na historia" presenta dez paneis que amosa as biografías e imaxes de dezasete mulleres fundamentais na historia de Galicia en diferentes eidos como a cultura, arte ou política. Deste xeito, a través da mostra preténdese poñer en valor ás mulleres invisibilizadas polo patriarcado que dedicaron a súa vida para o impulso cultural e o progreso social de Galicia.

Máis polo miúdo, na mostra cobrarán protagonismo a soldadeira María Balteira; a nobre Inés de Castro; a líder rebelde María Castaña; as heroínas María Pita e María Soliña; as escritoras, xornalistas e activistas feministas Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán; a escritora Filomena Dato; a bailarina Bella Otero; a mestra e pedagoga Ernestina Otero; a feminista e activista comunista Enriqueta Otero; as pintoras Maruja Mallo, María Antonia Dans e Julia Minguillón; a actriz de cine e teatro María Casares; a escritora e tradutora Xela Arias e a poetisa e escritora Rosalía de Castro.