Noticias

A música acuática volve de novo á fonte bailarina de Ponte Caldelas

O espectáculo será o sábado, ao rematar a actuación de flamenco programada na Alameda


06 agosto 2020
Ponte Caldelas
Ponte Caldelas Fonte Musical

A ‘fonte bailarina' de Ponte Caldelas volve ofrecer o seu exitoso espectáculo de música acuática este sábado, 8 de agosto, unha vez rematada actuación de flamenco que terá lugar na Alameda, dentro das ‘Noites de Terraza'.

A mellor fonte de Galicia volverá irradiar enerxía a veciños e visitantes cos seus chorros multicor que danzan ao son da música. Nesta ocasión, interpretaranse as cancións Marcha dos Toureiros, pertencente á ópera Carmen, de Georges Bizet; a Marcha Imperial de Star Wars; Carmina Burana de Carl Off; Amor Brujo de Manuel de Falla e o Vals Danubio Azul.

Esta iniciativa está inspirada nos espectáculos que se realizan arredor doutras fontes luminosas de referencia en cidades de todo o mundo. Ponte Caldelas, que conta coa mellor de toda Galicia, ao dispor da última tecnoloxía tanto en impulsión, como en iluminación led embutida no propio chorro, así como en software de programación, quere poñer en valor este atractivo elemento que incorporou ao seu patrimonio en marzo de 2019.