Noticias

A nova exposición da Federación Aspace convida a coñecer no Pazo Provincial a realidade cotiá e a afectividade entre persoas con parálise cerebral

A mostra "Tal día coma hoxe" amosa, como destacou Carmela Silva, "o máis digno que existe, as imaxes de persoas que reclaman igualdade e reclaman todos os seus dereitos"


09 xullo 2019
ASPACE

Transmitir a naturalidade das relacións entre persoas con parálise cerebral, a súa afectividade e a realidade do seu día a día son os obxectivos da nova exposición que dende hoxe e ata o vindeiro día 19 pode visitarse no hall do Pazo Provincial. A Deputación de Pontevedra acolle por terceira ocasión a mostra itinerante que desde hai oito anos organiza a Confederación ASPACE e promove a Federación ASPACE-Galicia, e que neste caso recolle 30 imaxes do fotógrafo Chomi Delgado baixo o título "Tal día coma hoxe".

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou ante os representantes do colectivo a un numeroso grupo de persoas usuarias dos centros de Amencer, o feito de que esta mostra fose o seu primeiro acto institucional do seu segundo mandato como "alcaldesa provincial": "Non podía ser doutro xeito, porque as persoas van ser aínda máis o centro da actividade política" da institución provincial, apuntou. Silva agradeceu a ASPACE que traia ao Pazo Provincial "o máis digno que existe, as imaxes de persoas que reclaman igualdade e reclaman todos os seus dereitos, porque lles pertencen e corresponden, e custa moito adquirilos". "Esta exposición –engadiu a presidenta provincial- cada mañá lembraranos a mi e a todas as persoas que entran por este Pazo que temos unha obriga: acadar que todos e todas podamos vivir sendo felices. E para ser felices temos que ter dereitos. Temos que fixar a atención e non mirar para outro lado ou pensar que nada se pode facer; todo se pode facer".

A través das imaxes de Chomi Delgado, "fermosas, que transmiten, conmoven e amosan o mellor do ser humano, a nosa capacidade para abrazarnos, sorrirnos, querernos e tocarnos", como subliñou Silva, "a mostra é acertadísima porque fala dos afectos". "Non poderiamos vivir sen afectos; son os que marcan o que somos as persoas –sinalou-. A amizade, as relacións sexuais e de parella forman parte fundamental da nosa vida; todo o mundo ten dereito a telas en liberdade e sen que ninguén poña trabas, ao igual que a busca da familia. E todo o facedes cun sorriso. Amosades a persoas que loitan por ser felices".

Pola súa banda, Mónica Touriño, presidenta da Federación ASPACE-Galicia, sinalou que a apertura desta mostra é o primeiro acto para celebrar o vinte aniversario do colectivo, que se cumpre este mes de xullo, así como a importancia que ten para a visibilización das persoas con parálise cerebral. "É tan importante que se vos vexa no día a día! –destacou-. É onde se reflicten temas tan importantes como a afectividade, fundamental na vida de calquera persoas e por suposto das persoas con parálise cerebral".

As fotografías en branco e negro de Chomi Delgado –que no 2018 recibiu o premio Lux de Plata por unha das series das que está composta a exposición- son historias que se complementan entre si nas que os seus protagonistas buscan ser aceptados e non xulgados, e agrúpanse en tres temáticas: amizade, vida en parella e busca da familia. A idea e amosar o día a día das persoas con parálise cerebral e subliñar o feito de que máis alá da súa discapacidade, a súa vida afectiva é igual á de calquera outra persoa, así como potenciar a imaxe das persoas con esta patoloxía como cidadáns de pleno dereito e, ao mesmo tempo, resaltar as súas capacidades. A exposición pode visitarse ata o día 19 de luns a venres, en horario de 8 a 20 horas e ademais de Pontevedra visitará este ano outras dezaseis cidades españolas.

Fotos

Audios

  • Audio