Noticias

A nova exposición "D'Pedra" da Escola de Cantería da Deputación chega este martes a Nigrán

A mostra reúne unha vintena de pezas de diversa temática realizadas polo alumnado do centro dependente da Deputación de Pontevedra


10 agosto 2019
exposición

A Deputación de Pontevedra leva este martes a Nigrán a nova exposición da Escola de Cantería "D'Pedra", unha colección de obras elaboradas polo alumnado do centro e composta por preto dunha vintena de pezas de granito de diversa temática que, na súa maior parte, representan oficios, animais, sentimentos ou escenas da vida cotiá. A mostra estará exposta ao público ata o vindeiro 9 de setembro.

"D'Pedra" é unha exposición que a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos, como fixo no seu momento con "Nado en pedra", e que non só fai fincapé na actividade que as mozas e mozos desenvolven neste centro de formación, senón que tamén serve como elemento dinamizador da cultura e a idiosincrasia galegas. Entre os seus obxectivos figura a achega da arte do traballo en pedra ás xeracións máis novas para que poidan descubrir este oficio tradicional.

Máis polo miúdo, as 16 pezas que se exhiben son obra de Patricia Pazó Vázquez, Alejandro García Álvarez, Marcos Lareo García, Álvaro Somoza López, Rubén Gil Rodríguez, Santiago Rey López, Marcel Kahlbrandt, José Sampedro Caamaño, Jonathan Mariñas García, José Gómez de Bernardo, Lorenzo Lede Mouriño, Jonathan López Otero e Jason Pérez. Tras o seu paso por Nigrán, a mostra da Escola de Cantería chegará ao concello de Gondomar, onde permanecerá ata o 9 de outubro.

A Escola de Cantería naceu no ano 1979 coa finalidade de poñer en valor un dos oficios máis antigos de Galicia. Ao longo da súa traxectoria, numerosas mestras e mestres canteiros formados na Escola deixaron a súa pegada no patrimonio arquitectónico de Galicia e diversos lugares do mundo. Así, os seus traballos están presentes en Fortaleza (Brasil), Maracaibo (Venezuela), Manila (Filipinas), A Paz (Bolivia), Nova York (Estados Unidos), Querétaro (México), Bos Aires (Arxentina) ou Montevideo (Uruguai), entre outros países.

Ademais, o alumnado participou nas obras de restauración de monumentos emblemáticos coma a Sagrada Familia de Barcelona, a catedral de Santiago, a catedral de Westminster de Londres ou mesmo as obras de recuperación do edificio do Capitolio de Washington.