A obra artística de Rosa García e Alberto Pena chega á sede da Deputación en Vigo

O vindeiro día 25 inaugurarase a dobre mostra na que a artista viguesa ofrecerá pezas de gravado, fotografía e escultura co título “Máis aló do lugar habitado” e o creador afincado en Cangas amosará a exposición pictórica “Natureza alterada”

16/01/2023

Inauguración exposición de Rosa Gracía e Alberto Pena

A sede da Deputación en Vigo volverá encherse coa arte da provincia a través da obra de Rosa García e Alberto Pena, que ocuparán respectivamente as Salas Maruja Mallo e Rosalía de Castro a partir do día 25 de xaneiro coas súas novas exposicións. A apertura conxunta terá lugar ás 19 horas cun acto para o que é preciso confirmar asistencia no enderezo electrónico participa.cultura@depo.es. Ambas mostras estarán abertas ata o 3 de marzo.

Na Sala Rosalía, o pintor Alberto Pena (nado en Foz e afincado en Cangas) amosará a súa liña de traballo máis recente en “Natureza alterada”, comisariada por Elena Bangueses. Nas súas pezas fusiónase a pintura coa estampación, facendo referencia ás artes gráficas, das que o artista toma prestadas as dimensións estandarizadas dos carteis e co liño como soporte. Pena utiliza para a elaboración das súas obras materiais orgánicos e inorgánicos e o seu estilo flutúa entre o abstracto e o figurativo.

Pola súa banda, na Sala Maruja Mallo, Rosa García condensará en “Máis aló do lugar habitado” varios dos temas recorrentes na súa traxectoria, como os espazos habitados, a Domus e a memoria, baixo a forma de gravado, fotografía e escultura. O seu traballo reflexiona sobre as maneiras de habitar e cohabitar os lugares en relación coa sociedade, o xénero e o medio ambiente.

No acto inaugural, amais da intervención da presidenta provincial, Carmela Silva, da comisaria e as persoas artistas, haberá unha actuación de música e danza do dúo instrumental en acústico de clarinete (Virginia Lis) e viola (Mario Diz), cun repertorio da compositora Rebecca Clarke. No peche, tamén intervirá a bailarina Marcia Vázquez.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.