Noticias

A obra de teatro ‘Invisibles' chega a Ponteareas para visibilizar a violencia machista

O acto, organizado pola Deputación de Pontevedra, terá lugar este domingo, 8 de decembro, no Auditorio Reveriano Soutullo


07 decembro 2019
Invisibles

A Deputación de Pontevedra organiza este domingo 8 de decembro, ás 18:00 horas, o espectáculo dramático Invisibles, da compañía Redrum Teatro. O evento, que se celebrará no Auditorio Reveriano Soutullo do concello de Ponteareas, terá unha duración aproximada de 90 minutos e poñerá no punto de mira a invisibilidade que sofren as persoas culpables de agresións machistas en contraposición coa exposición á que se ven abocadas as vítimas ante a sociedade.

O espectáculo Invisibles, dirixido por Marián Bañobre, artéllase ao redor da novela homónima de Montse Fajardo e presenta ante o público sete testemuñas reais cun fío común entre elas: a violencia machista. A obra, coproducida por Redrum Teatro, o Centro Dramático Galego, a Concellería de Igualdade de Pontevedra e a Deputación da Coruña, recibiu tres galardóns nos XXIII Premios de Teatro María Casares nas categorías de mellor dirección, mellor iluminación e mellor adaptación-tradución.

Invisibles está orientada a un público adulto e adolescente maior de 12 anos e concentra unha gran dose de conciencia crítica, cuestionando a realidade que envolve a trama para procurar transformala a través da sensibilización do público con respecto á lacra da violencia machista. Ademais do pase Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, a peza tamén visitará o Auditorio da Xunqueira de Redondela o sábado 14 de decembro.

Redrum Teatro, a compañía encargada da proposta, é unha empresa cultural dedicada á produción e distribución de espectáculos teatrais e á edición de libros que leva en activo desde o ano 2009. Pola súa banda, a autora Montse Fajardo posúe unha traxectoria literaria e vital moi ligada ó ámbito da igualdade e a memoria histórica, con obras como Matriarcas ou Un cesto de mazás.