Noticias

A obra de teatro Invisibles visibilizará a violencia machista este domingo en Bueu

O evento cultural, organizado pola Deputación de Pontevedra, terá lugar no Centro Social do Mar, ás 20.00 horas


25 outubro 2019
Invisibles

A Deputación de Pontevedra organiza para este domingo 27 de outubro, ás 20.00 horas, a posta en escena do espectáculo dramático Invisibles da compañía Redrum Teatro. O acto, que terá lugar no Centro Social do Mar de Bueu, terá unha duración aproximada de 90 minutos e poñerá no punto de mira a invisibilidade dos culpables de agresións machistas en contraposición coa exposición á que se ven abocadas as vítimas ante a sociedade.

O espectáculo Invisibles, dirixido por Marián Bañobre, artéllase ao redor da novela homónima de Montse Fajardo e presenta ante o público sete testemuñas reais cun fío común entre elas: a violencia machista. A obra, coproducida por Redrum Teatro, o Centro Dramático Galego, a Concellería de Igualdade de Pontevedra e a Deputación da Coruña, recibiu tres galardóns nos XXIII Premios de Teatro María Casares nas categorías de mellor dirección, mellor iluminación e mellor adaptación-tradución.

Invisibles está orientada a un público adulto e adolescente maior de 12 anos e concentra unha gran dose de conciencia crítica, cuestionando deste xeito a realidade que envolve a trama para procurar transformala a través da sensibilización do público con respecto á lacra da violencia machista. Ademais do pase no Centro Social do Mar de Bueu, a peza tamén visitou o Centro Cultural Xaime Illa de Poio e o Auditorio Municipal de Cambados.

Redrum Teatro, a compañía encargada da proposta, é unha empresa cultural dedicada a producir e distribuír espectáculos teatrais e a editar libros que leva en activo desde o ano 2009. Pola súa banda, a autora Montse Fajardo posúe unha traxectoria literaria e vital ligada ao ámbito da igualdade e a memoria histórica, con obras coma Matriarcas ou Un cesto de mazás.