Noticias

A oficina do ORAL do Porriño crece ata chegar case ao 10 % das liquidacións tributarias totais da provincia

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e alcaldesa, Eva García, visitan as instalacións e destacan a aposta pola simplificación dos trámites e xestións


10 outubro 2019
Visita ao ORAL do Porriño

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou hoxe a calidade do servizo que presta a rede de oficinas do Organismo de Recadación (ORAL) na súa visita ás instalacións que a institución provincial ten no concello do Porriño. Acompañada pola alcaldesa, Eva García de la Torre, e a deputada Victoria Alonso, Silva puxo en valor o traballo que se fai nesta oficina que atende a unha poboación de preto de 45.000 habitantes repartidos entre este municipio, Salceda de Caselas e Mos.

Segundo destacou Silva, a sede do ORAL do Porriño supón case un 10 % do volume de liquidacións xeradas polo ORAL en base aos padróns dos impostos e taxas municipais, así como o cobro de multas e recadación executiva. Unha cifra que dá boa conta da relevancia desta zona do territorio dentro dunha provincia tan dinámica como a de Pontevedra. No que vai de ano, a oficina porriñesa fixo liquidacións de obrigas contributivas por un valor de 11,9 millóns de euros, o que supón un incremento porcentual do 1,60 % sobre o mesmo período do ano 2018.

O 62,5 % dos cobros realizados nesta oficina tributaria corresponden á veciñanza do Porriño (máis de 3 millóns de euros), mentres que dos de Salceda de Caselas achegaron 978.000 euros e, finalmente, os de Mos outros 840.000 euros.

Durante a visita de Carmela Silva tamén quedou claro o impacto que ten suposto a posta en marcha, o pasado 12 de febreiro, da Oficina Virtual do ORAL. Desde o seu arranque converteuse nunha ferramenta fundamental e, de feito, entre os meses de marzo e agosto, rexistrou un total de 296.514 transaccións, que foron efectuadas por un total de 45.000 contribuíntes. O dato contrasta cos 6.054 contribuíntes que tiñan realizado os seus pagamentos a través da Internet durante todo o ano 2018.

O crecemento da Oficina Virtual (https://ovt.depo.gal) será aínda maior nos próximos meses, pois o pasado mes de setembro comezou a esixirse ás persoas xurídicas a obriga de relacionarse telemáticamente co ORAL, en cumprimento da Lei de procedemento administrativo. Nos padróns fiscais do Porriño hai 3.509 persoas xurídicas, mentres que outras 1.126 están en Mos e, finalmente, 539, en Salceda de Caselas.

Deste xeito o ORAL combina a atención a través de Internet, fundamentalmente ás persoas xurídicas, coa atención persoal a aquelas persoas que carecen dos coñecementos necesarios ou que simplemente prefiren realizar os seus trámites tributarios nunha oficina física e co asesoramento de persoal especializado.

O ORAL é un organismo fortemente desconcentrado e apegado ao territorio como demostran os 23 centros de traballo distribuídos polo territorio provincial. Un total de 53 concellos de menos de 20.000 habitantes e 9 entes (mancomunidades e consorcios) teñen delegada algunha competencia de carácter tributario. O ORAL non só se ocupa da recadación municipal, pois ofrece servizos como a xestión catastral, a inspección, o asesoramento aos contribuíntes ou mesmo anticipos a conta aos concellos para garantirlles a liquidez necesaria para o seu normal funcionamento.