Noticias

A presentación en Redondela de "Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo" enche de igualdade o pazo de Vilavella

A presidenta da Deputación, Carmela Silva reivindicou a necesidade de contar con todas e todos para rachar co machismo e construír unha sociedade decente. "Non nos van a parar"


07 febreiro 2019

O pazo de Vilavella de Redondela encheuse esta tarde de centos de persoas no acto de presentación do libro "Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo", impulsado pola Deputación de Pontevedra e editado por Galaxia, ao que asistiron a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, acompañada de deputadas e deputados, a coordinadora do libro, a escritora Inma López Silva, e cinco das súas autoras: a xornalista Susana Pedreira, a fotógrafa e profesora Ana Fresco, a funcionaria Sarai González, a matrona Susana Iglesias e a estudante Sandra Núñez.

Centos de persoas asistiron ao evento, con cheo total nun salón ateigado, dando así resposta coa súa presenza á negativa do Goberno local de Redondela e ao seu alcalde, Javier Bas, a ceder unha das salas baleiras do Multiusos para a presentación desta obra colectiva, despois de haber confirmado a súa celebración. Na presentación, que contou coas testemuñas destas mulleres relativas á súa experiencia vivida durante a folga feminista e coas intervencións do público, tamén se proxectou o vídeo "Culpables", coas imaxes de mulleres dos cinco continentes que, coas súas mobilizacións, converteron o día 8 de marzo de 2018 nunha data histórica.

Na súa intervención, Carmela Silva agradeceu a presenza "deste cheo, de tanta xente que mostrou que non hai portas que pechen a igualdade, que non hai posibilidade de poñer portas aos dereitos das persoas a ocupar o espazo público que non é patrimonio de ninguén. Iso fronte a quen cree cando goberna que é seu. O espazo público é patrimonio de todas e todos. Este cheo tamén é unha voz que di que o mundo e a política teñen que cambiar. Por iso as mulleres queremos cambialo". A presidenta provincial puxo o acento en que "a sociedade non será feliz nin decente sen a igualdade en dereitos das que somos máis da metade da poboación". Este libro, dixo Silva dálle voz ás mulleres. ¿Como pode temer alguén á voz, as palabras das mulleres?, preguntou". A presidenta provincial puxo en valor os logros e a sensibilización que logrou a folga do 8 de marzo de 2018, "unha data histórica que leremos nos libros", e apelou a secundar a convocatoria do próximo 8 de marzo, "unha folga á que debemos ir as mulleres, porque os homes comprometidos co feminismo ese día deben dedicarse aos coidados para que nós poidamos facer a folga. É fácil de entender", dixo.

Pola súa banda a escritora e coordinadora do libro, Inma López Silva, asegurou que "a edición desta obra colectiva foi un proceso de traballo perfecto e irrepetible, e creo que tivo que moito que ver con que fora un equipo de mulleres". Todas as autoras insistiron na necesidade de que o próximo 8 de marzo deste ano "aínda supere o fito histórico da folga e das mobilizacións que tanto nos visibilizaron o ano pasado".

"Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo", que xa vai pola segunda edición, está escrita por oito mulleres que traballan en diferentes sectores: xornalismo, literatura, sanidade, fotografía ou librería. Todas elas, pese á súa diferente dedicación, plasman unha visión similar sobre a folga en mobilizacións do 8 de marzo e as súas vivencias como mulleres, reivindicando a necesidade de loitar contra o machismo e construír unha sociedade máis igualitaria e xusta.

Deste xeito, a través de "Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo" o Goberno de Carmela Silva pretende chegar ao maior número de persoas as testemuñas das autoras da publicación e difundir entre a mocidade as ideas contidas nesta obra colectiva. Así, a Deputación de Pontevedra ten enviado xa aos centros educativos de secundaria e formación profesional da provincia un exemplar para que o incorporen á súas bibliotecas e poidan traballar con el nas aulas, como ferramenta de debate e reflexión.

A presentación de "Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo", a modo de xira, comezou en Vigo e xa pasou por Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Baiona. Trala presentación de hoxe en Redondela, continuará a vindeira semana en Salceda de Caselas e, posteriormente, en Ponteareas e Bueu.

Fotos