Noticias

A programación cultural da Deputación de Pontevedra chega este mes a Vilaboa, O Grove, Cuntis, Moraña, Soutomaior, Tomiño, Caldas de Reis e Cangas

Exposicións, música e actividades infantís conforman as propostas que se desenvolverán en espazos públicos destes concellos


02 novembro 2019
Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra levará a súa programación cultural neste mes de novembro aos concellos de Vilaboa, O Grove, Cuntis, Moraña, Soutomaior, Tomiño, Caldas de Reis e Cangas con varias propostas expositivas e musicais así como actividades infantís. Todas as actividades desenvolveranse en espazos públicos e estarán dirixidas a todos os públicos.

Máis polo miúdo, as actividades comezarán o próximo mércores 6 de novembro co inicio da exposición "Mulleres galegas na historia" que permanecerá na Casa da Cultura Manuel Loueiro Rey do Grove, ata o día 30. A inauguración será, ás 19:00 horas, e o horario habitual de visita será de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas. Nesta exposición homenaxéase a dezaseis mulleres que marcaron a historia de Galicia. Deste xeito, a través da mostra repásase a vida e traxectoria de María Balteira, Inés de Castro, María Castaña, María Pita, María Soliña, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato, Bella Otero, Ernestina Otero, Maruja Mallo, Enriqueta Otero, María Antonia Dans, María Casares, Xela Arias e Julia Minguillón.

A axenda cultural da Deputación de Pontevedra contará tamén con tres actuacións musicais do dueto Oradaladou, conformado por Sonsoles Penadique e Carlos Quintá. A música de Oradaladou chegará á Casa dos Montes de Santa Cristina de Cobres no concello de Vilaboa o venres 8 de novembro, ás 20:30 horas. Será o venres día 15, ás 19:30 horas, cando a Casa da Cultura de Moraña acolla o espectáculo, que terá un terceiro pase no Auditorio Multiusos de Arcade, no concello de Soutomaior, o domingo 17 de novembro, ás 18:00 horas. Os concertos xirarán entorno ao Cancioneiro de Cotobade de Antón Fraguas, ao que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas.

Ademais, o xoves 14 de novembro o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis será o escenario da proposta O misterioso caso de Antón Fraguas, que o grupo Polo Correo do Vento representará ás 12:30 horas. O xoves 28 de novembro será o Auditorio Municipal de Cangas o que acolla esta actuación, ás 10:00 horas. Trátase dunha actividade dirixida ao público infantil que mestura narración oral, música e un obradoiro de debuxo sobre a vida de Antón Fraguas, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2019.

Para rematar coa programación cultural do mes de novembro a Deputación de Pontevedra levará ata Tomiño e Caldas de Reis a peza teatral Invisibles de Redrum Teatro. Trátase dun espectáculo creado a partir da novela homónima de Montse Fajardo que presenta ante o público diferentes historias que contan como fío común a violencia machista.  A actividade vai dirixida a un público maior de 12 anos co obxectivo de reflexionar sobre a inexistencia dun perfil de mulleres que sofren violencia machista e sobre a invisibilidade dos agresores fronte á exposición das vítimas ante a sociedade. Invisibles poderá verse o domingo 24 de novembro, ás 18:00 horas, no Auditorio de Goián de Tomiño e o martes 26 de novembro, ás 11:30 horas, no Auditorio Municipal de Caldas de Reis.