Noticias

A provincia de Pontevedra acolle este mes de xullo 44 novas accións formativas de "SmartPeme"

O programa lanza este ano tres novas grandes liñas de apoio ás empresas: SmartPeme Impulsa, TurisTIC e o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED)


05 xullo 2018
SmartPeme

Durante o mes de xullo, a provincia de Pontevedra acollerá un total de 44 accións formativas ao abeiro de "SmartPeme". Ademais, o programa desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de continuar axudando ás empresas a ser máis competitivas na contorna económica actual. O programa abre tres grandes liñas: o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), no viveiro de empresas de Barro, "SmartPeme Impulsa" e "TurisTIC". As inscricións nos diferentes obradoiros pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.

A través do Centro Provincial de Economía Dixital as empresas, persoas autónomas e emprendedoras da provincia poderán coñecer as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes da economía dixital. Para iso, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación ao servizo das empresas.

"SmartPeme Impulsa" abre novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.

Finalmente "TurisTIC" erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan estratéxico de turismo Rías Baixas, pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de "SmartPeme" contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.

18 novas accións na comarca de Vigo

As oficinas do programa "SmartPeme" da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño acollerán durante o mes de xullo un total de 18 accións formativas (seis en cada unha delas) para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia de Pontevedra ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade.

Na oficina de Vigo esta semana comezou o curso "Aprende e usa a tipografía axeitada para comunicarte" e o "Woocommerce: A solución que buscabas para vender por internet". O curso "Facebook Ads" chegará o xoves 12. O seguinte martes 17 de xullo impartirase "Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO". O xoves 19 de xullo será a quenda de "Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio", ás 19 h. Para rematar, o luns 23 de xullo á mesma hora, terá lugar o curso "Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl". A oficina "SmartPeme" de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3.

A oficina de Ponteareas acollerá os obradoiros: "Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico", este xoves 5 ás 19 horas. A seguinte será "Bota as túas propias fotografías para o comercio electrónico", o martes 10 á mesma hora. A ela seguiralle "Todo o que necesitas saber sobre Google Apps for Business", o martes 17 ás 18 horas. Esa mesma semana, o xoves 19, ás 19 horas, impartirase o curso "Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?". A formación "Crea unha páxina profesional con WordPress" chegará o luns 23 de xullo, nesta ocasión ás 18 horas. Xa por último, o martes 31 de xullo, ás 19 horas, "Google Analitycs: iniciación á analítica" será a acción que impartirá o persoal do programa. A oficina "SmartPeme" de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5.

A oficina do Porriño acolle desde esta semana o curso "Woocommerce: A solución que buscabas para vender por internet" e o de "Crea unha páxina profesional con Wordpress" chegará o martes da semana seguinte, 10 de xullo. A acción "Ferramentas de google para a promoción de negocios locais" terá lugar o xoves 12 de xullo, ás 19 horas. O martes 17, á mesma hora, será a quenda de "Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico". O xoves desa mesma semana, tamén ás 19 horas, impartirase o curso "Crea un Plan de social media para a túa empresa turística". E, por último, o martes 31 de xullo á mesma hora terá lugar "Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo". A oficina "SmartPeme" do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.

6 obradoiros na Deputación

A oficina de "SmartPeme" na cidade de Pontevedra, situada no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra (Gran Vía de Montero Ríos, s/n), acolle durante o mes de xullo un total de seis accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital.

As quendas son as seguintes: "Ferramentas de google para a promoción de negocios locais" que comezou o pasado luns e nesta mesma semana, o xoves 5 ás 18 horas, será a quenda de "Aprende e usa a tipografía axeitada para comunicarte". O seguinte curso, "Plataformas de comercialización para vivendas e apartamentos turísticos", impartirase o martes 10 de xullo ás 19 horas. A seguinte semana haberá dúas accións, a primeira o martes 17 ás 18 horas baixo o nome "Crea unha páxina profesional con WordPress" e, a seguinte, "Optimiza a visibilidade da túa web con Google Search Console" o xoves 19 de xullo ás 19 horas. Por último, o luns 23 xullo será a quenda de "Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO", ás 19 horas.

Lalín acolle 7 accións formativas

O Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acollerá, durante este mes de xullo sete novos obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación de Pontevedra. A oficina "SmartPeme" de Lalín atópase na parcela E deste espazo.

A primeira cita do mes na oficina "SmartPeme" de Lalín comezou este luns co curso "A túa páxina web en menos de 90 minutos". Tras este primeiro obradoiro, o xoves 5 de xullo, ás 19 horas, impartirase "Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo". O martes, 10 de xullo, ás 18 horas terá lugar "Todo o que necesitas saber sobre Google Apps for Business". O xoves desa mesma semana, ás 19 horas, terá lugar o curso "Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas". Seguindo cos cursos do mes de xullo, o mércores 18 ás 19 horas terá lugar, esta vez no viveiro de empresas da Estrada, "Google Analytics: Iniciación á analítica WEB". O luns da seguinte semana, 23 de xullo, ás 19 horas, terá lugar o curso "Comercializa os teus servizos a través das redes sociais" e, por último, o xoves desa mesma semana á mesma hora impartirase o obradoiro "Facebook Marketing".

7 obradoiros no Salnés

O Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá durante todo o mes de xullo sete novos obradoiros ao abeiro de "SmartPeme", o programa de capacitación tecnolóxica impulsado pola Deputación. O punto do Centro ExpoSalnés, que presta asistencia ao empresariado das comarcas do Salnés e Caldas, atópase no paseo da Calzada, s/n.

As quendas para o mes de xullo son as seguintes: "Crea unha páxina profesional con Wordpress". O martes, 10 de xullo, ás 19 horas, "Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo". O xoves desa mesma semana, 12 de xullo, á mesma hora, levarase a cabo "Plataformas online para crear o teu e-commerce". O martes 17 de xullo, tamén ás 19 horas, será a quenda de "Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas". O xoves desa mesma semana, á mesma hora, chega "Guía de boas prácticas para redes sociais". A quenda do obradoiro "Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico" chega o xoves 26 de xullo, tamén ás 19 horas. Por último, "Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?" chegará o martes 31 de xullo, á hora habitual, as 19 horas.

O viveiro de Barro organiza 6 formacións

O viveiro de empresas de Barro, situado no polígono, acolle durante este mes de xullo un total de seis accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital.

A primeira cita do mes tivo lugar o pasado martes coa acción "Linkedin: a túa rede de networking". Hoxe, 5 de xullo, ás 18 horas impártese "O que necesitas saber sobre virtualización". O martes da semana que ven, 10 de xullo, ás 18 horas terá lugar "Que é o IoT (Internet das Cousas). O xoves desa mesma semana, ás 19 horas, levarase a cabo "Ciberseguridade, protexe a túa privacidade en liña". O obradoiro "Introdución aos sistemas embebidos" terá lugar o martes 17 de xullo ás 19 horas. Por último, "Introdución á Realidade Aumentada" impartirase o luns 23 de xullo ás 19 horas.