A revista “Scientific Reports” interésase polo xacemento da Lanzada para o estudo do solo dos cemiterios

A publicación, a cargo do grupo EcoPast da Universidade de Santiago, completa os traballos científicos impulsados pola Deputación nesta contorna

16/08/2022

As escavacións realizadas pola Deputación no xacemento da Lanzada veñen de facer posible un estudo científico sobre o "necrosol", ou sexa os solos onde ao longo da historia se teñen producido enterramentos. A revista internacional Scientific Reports inclúe no seu último número un estudo realizado polo grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela "EcoPast" que achega novos datos sobre este tipo de solo. A equipa está liderado pola investigadora Zaira García López e conta tamén con Antonio Martínez, Noemí Álvarez e Olalla López.

A investigación tivo como obxectivo dar resposta á pregunta de que é o que queda e que se transfire dos nosos corpos á terra unha vez soterrados. O necrosol estúdase desde varias perspectivas para coñecer as súas características e a súa formación. O estudo centrouse nos enterramentos da Lanzada e abordou os procesos que se sucederon nesa terra, amais dos rituais de inhumación que levaron a cabo os antigos habitantes deste territorio. A publicación destaca o valor desta análise en "enterramentos post-romanos en solos con area".

O traballo pon a arqueoloxía ao servizo da sociedade ao non pasar por alto que os cemiterios ocupan boa parte dos asentamentos humanos. Estúdanse estes solos e obtéñense así datos interesantes e aplicables a casos forenses da actualidade. O traballo, con base interdisciplinar, focalizouse en dous ámbitos da Lanzada con enterramentos para analizar o impacto da terra en contacto cos osos durante séculos e tamén nos rituais de inhumación que seguiron os antigos habitantes no século VI despois de Cristo, información que non podería ser coñecida de ningunha outra maneira.

Segundo as conclusións, ata o de agora considerábase o incremento de fósforo como o único indicio de enterramento, pero trala realización de esta pescuda, revelase que existen catro procesos máis que revelarían a existencia de enterramentos. O primeiro sería a descalcificación, específico de chans lunares como o da Lanzada; por outra banda, estarían os procesos de melanización, acidificación e neoformación de minerais secundarios, comúns no resto de necrosois do mundo. No caso concreto de Galicia, a acidez do terreo fai que se conserven moi poucos restos óseos nas necrópoles, polo que este traballo pretende abrir unha liña de investigación que nos achegue á realidade dos nosos antepasados.

A Deputación de Pontevedra promoveu a escavación deste xacemento en dúas campañas realizadas en 2010 e 2017 . Os achados deste xacemento foron 17 esqueletos, 14 deles de menores e máis de 15.000 pezas repartidas entre cerámica, moedas, puñais e fíbulas. Máis recentemente, en abril de 2021, realizouse unha prospección arqueolóxica utilizando dous tipos de radares. A raíz desta última prospección sábese que o asentamento humano na Lanzada alcanzou unha superficie equivalente á da praia de Silgar e detectáronse indicios de ata 107 construcións que testemuñan a existencia de vivendas, así como de instalacións produtivas, como unha salina, unha salga e fornos. Ademais disto obtivéronse por vez primeira indicios dun primeiro foxo defensivo que foi superado polo crecemento deste complexo asentamento.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.