A sede de Vigo da Deputación sérvese das novas tecnoloxías para promocionar a súa programación social e cultural

Desde esta semana, as e os viandantes poden coñecer as actividades que se realizarán nos vindeiros meses a través dunha pantalla instalada na entrada, que se pode visionar desde o exterior do edificio

11/04/2022

Desde esta semana, a sede de Vigo da Deputación achega aínda un pouco máis á cidadanía a súa programación social e cultural da man das novas tecnoloxías. Deste xeito, a través dunha pantalla que se pode visionar desde fóra do edificio, situada trala cristaleira da entrada, as e os transeúntes poderán coñecer cada semana todas as novidades sobre as actividades que se desenvolverán no inmoble. Neste intre, está a proxectarse un audiovisual con todos os actos previstos en abril e maio, que se irá actualizando en vindeiras datas con outros vídeos que amosarán as distintas exposicións e demais actos que acollerá a sede ao longo dos vindeiros meses.

Neste mes de abril, a programación incluirá citas moi destacadas, como as que terán lugar os días 23 e 29 con motivo do Día do Libro e o Día Mundial da Danza. No primeiro caso, a xornada celebrarase coa presentación do libro que reúne unha selección dos traballos do alumnado da segunda edición da Escola de Letras (12h), mentres que o Día da Danza combinará baile galego e tango coa actividade “Galicia-Arxentina: Un baile de ida e volta”, organizado en colaboración co Consulado da República Arxentina en Vigo. Nesta celebración, que terá lugar ás 19 horas no exterior da sede, a Compañía de Danza de Óscar Cobos amosará o espectáculo galego ‘Bailador’, mentres que varias parellas de tango actuarán acompañadas por El Barullo.

Así mesmo, permanece aberta ata o día 15 a instalación artística “Las Locas”, froito da participación de mulleres distintos países na elaboración conxunta dunha manta ‘cobija’. Tamén este mes de abril terán lugar actividades da Escola de Letras, como a sesión do obradoiro literario de Inma López Silva o día 19 e a máster class que impartirán Francisco Castro e Xosé Lueiro baixo o título “A escrita para nenas e nenos” o día 20. Por outra banda, ata o 20 de maio está aberta a exposición “Materia tatuada”, da artista Soledad Penalta na Sala Maruja Mallo, mentres que  o día 22 de abril abrirase outra mostra na Sala Rosalía de Castro, “Contos e países. Historias que viaxan”, que permanecerá aberta ata o 15 de xuño.

No que se refire ao mes de maio, celebrarase os días 3 e 4 o obradoiro de poesía impartido por Antonio García Teijeiro na Escola de Letras, mentres que o día 26 abrirase outra nova exposición na Sala Maruja Mallo. Estará a cargo da artista Pilar Alonso e leva por título “Un Bel di Vedremo” e poderá visitarse na sede viguesa ata o 20 de xullo.