Noticias

A web de Turismo Rías Baixas estrea deseño cun coidado tratamento audiovisual e contidos renovados

"E moderna e dinámica, está enfocada ás viaxeiras e viaxeiros e conta con toda a información para vivir grandes experiencias na provincia", explicou Carmela Silva


11 abril 2019
Presentación web de Turismo

A páxina de Turismo Rías Baixas estrea hoxe un deseño totalmente renovado na súa imaxe, contidos e servizos tecnolóxicos dirixidos as usuarias e usuarios. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicou esta mañá a profunda remodelación e cualificou a web como "moderna e dinámica, enfocada ás viaxeiras e viaxeiros, e con toda a información necesaria para vivir grandes experiencias no interior e na costa da provincia de Pontevedra".

O restyling e a renovación dos contidos tiveron como base as conclusións do Plan estratéxico de turismo 2017-2020, elaborado en colaboración cos concellos e o sector privado. A web conta agora con novas seccións un deseño claro e intuitivo, adaptado para a navegación en todos os dispositivos, e con especial coidado no tratamento da imaxe e do vídeo.

Mapa interactivo

O redeseño foi elaborado integramente por persoal da Deputación, pertencente aos departamentos de Turismo, Comunicación, Novas Tecnoloxías e Servizos Lingüísticos. Unha das novidades é o mapa interactivo co que as usuarias e usuarios poderán orientarse con facilidade no destino Rías Baixas. A web ofrece, a través de textos amenos e galerías de imaxes, información dos recursos turísticos de todas as comarcas, e aporta na súa sección "Descubre" datos e propostas sobre os eixos do Plan estratéxico: enogastronomía, natureza, cultura, turismo activo, termalismo, patrimonio, festas e camiños de Santiago.

Ademais, inclúe os dez "must-see" das Rías Baixas. "Aí están as Illas Atlánticas, Ruta da Camelia, castelos de Soutomaior e Sobroso, castros, as 55 praias con bandeira azul, conxuntos históricos, Ruta do Viño, pazos, faros e grandes miradoiros", detallou a presidenta da Deputación. A sección "Inspírate" mostra propostas e plans relacionadas con distintos tipos de actividades turísticas, desde o deporte ata a arte e os monumentos, mentres que as Escapadas ofrecen alternativas para vivir experiencias de 24, 48 e 72 horas nas Rías Baixas. 

Interior e costa

"Tívose moi en conta un tratamento equilibrado entre a costa e o interior para que todas as comarcas vexan reflexada a súa oferta turística. O obxectivo á hora de acometer o redeseño foi converter a páxina na referencia dixital do destino Rías Baixas para que todas aquelas persoas que veñan dispoñan da información que precisen e poidan sacarlle o máximo partido á súa estancia".

Carmela Silva puxo como exemplo de funcionamento da web o apartado de enogastronomía, que ofrece información dos principais produtos da provincia de Pontevedra, desde peixes, mariscos, conservas, carnes, produtos da horta e viños da Denominación de Orixe Rías Baixas; e acompáñaa de propostas de experiencias como a visita os cinco restaurantes con estrelas Michelin, un percorrido pola Ruta do Viño, visita os lagares de sidra da comarca de Tabeirós, eventos ou escapadas en torno á gastronomía.

A web promociona ademais os grandes atractivos de cada temporada, fai suxestións e informa dos eventos. Tamén dispón de galerías como as rías a vista de paxaro, e visitas virtuais, o que fai máis amena a navegación e facilita o coñecemento do destino. "Nos próximos meses seguiremos mellorándoa con novos contidos, ferramentas tecnolóxicas e servizos, na liña de satisfacer as demandas dos viaxeiros e viaxeiras e ofrecer unha experiencia turística integral", remarcou a presidenta da Deputación.

Vídeos

  • Renovación da páxina web de Turismo Rías Baixas