Noticias

A xustiza dá a razón á Deputación de Pontevedra e desestima integramente o recurso do Concello de Valga contra o Plan de Reequilibrio provincial

É a terceira sentenza da xustiza a favor da Deputación que anteriormente xa desestimou os recursos dos gobernos do Partido Popular de Vilanova de Arousa e de Sanxenxo


13 maio 2019
Deputación de Pontevedra

A xustiza volveu a dar a razón á Deputación de Pontevedra. O Xulgado do Contencioso-Administrativo, número 1 de Pontevedra, desestimou o recurso interposto polo Concello de Valga contra o informe desfavorable ao proxecto "Remate do edificio de usos administrativos e acondicionamento da praza Vicente Cousiño", que o goberno municipal presentara ao programa provincial do Plan de Reequilibrio de subvencións para investimentos en equipamentos e dotacións singulares".

A resolución do Tribunal avala a decisión da Deputación de desestimar o proxecto de Valga, para o que o concello solicitaba unha subvención de 849.022,94 euros, baseada en que as actuacións non tiñan carácter substancial xa que se limitaba á realización de obras de remate dun edificio xa existente e que non se trataba de obras de nova planta, rehabilitación ou reforma, que son as previstas nas bases. De feito, a sentenza sinala que "ha de dárselle a razón á Deputación de Pontevedra atendendo á interpretación auténtica e sistemática das bases; a que o Concello de Valga non pretende construír un edificio de nova planta e que o remate da edificación tampouco se corresponde cunha reforma, rehabilitación nin adaptación; e a que se constata que se trata de obras que xa estaban en marcha". "Non consta, di ademais o fallo xudicial, que se aplicara un criterio diferente a ningunha das demais candidaturas presentadas en esta convocatoria de subvencións". Por iso, desestímase integramente o recurso do Concello de Valga.

O deputado de Cooperación, Carlos Font, expresou hoxe a súa satisfacción ante o fallo xudicial "que unha vez máis ven a dar a razón ao goberno provincial e que demostra que hai outra forma de actuar e de gobernar con criterios técnicos e obxectivos, con equidade e sen discriminacións, fronte ao ruído e máis ruído destes alcaldes do PP seguindo coa estratexia de Alfonso Rueda na provincia que xa estamos a ver cal é o resultado que ten".

Font lembrou que é a terceira sentenza favorable á Deputación de Pontevedra respecto ás demandas dos concellos do Partido Popular en canto aos proxectos presentados ao Plan de Reequilibrio provincial. "Primeiro foi Vilanova de Arousa, despois Sanxenxo, e agora Valga onde a xustiza volver a darnos a razón e que avala a ecuanimidade e o respecto á legalidades nas nosas actuacións". O deputado dixo que "alo menos espero unha desculpa por parte do PP, dos seus alcaldes e do voceiro provincial na Deputación, Ángel Moldes, porque foron moitos e moi graves os insultos e as acusacións infundadas que nos fixeron e que agora caen polo o seu propio peso", rematou.