Noticias

Aberto o prazo de achegas para a elaboración do estatuto do organismo autónomo do Museo

O formulario para enviar as achegas permanecerá activo na páxina web da Deputación ata o 15 de abril


14 marzo 2019
Museo de Pontevedra

Tal e como anunciaran a semana pasada o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, vén de activarse na páxina web da Deputación un formulario para recoller e canalizar todas as achegas cidadáns para a elaboración do estatuto para a creación dun organismo autónomo que regule o Museo de Pontevedra. O formulario, que permanecerá activo ata o 15 de abril, pode atoparse na seguinte ligazón: https://www.depo.gal/consulta-publica-previa/detalle-consulta

Neste sitio web, desde o entre provincial explícase que a necesidade e oportunidade da aprobación deste regulamento, está asociada ao procedemento de selección dunha persoa para ocupar o cargo de dirección en base a un cargo de dirección xeral, xunto coa consolidación nos orzamentos para o 2019 dunha praza de dirección de xestión por parte dunha funcionaria da casa, o que abre un novo horizonte para a reestruturación do funcionamento do Museo de Pontevedra. Indícase, ademais, que se busca que amosen as súas inquedanzas sectores profesionais da cultura, xunto ao tecido asociativo, ademais dos organismos públicos encargados da custodia e da posta en valor do patrimonio galego e universal que teña relevancia para a cidadanía.

Por último, e tal e como se anunciara, tamén se explica que os obxectivos da norma van encamiñados a dotar ao museo dun modelo moderno e eficaz na xestión dos seus recursos tanto en relación coa Deputación de Pontevedra e con outras institucións públicas e privadas que velan pola defensa da cultura galega.

Paralelamente, desde a Deputación tamén se vai realizar un traballo de difusión sobre este proceso participativo e enviaranse comunicacións a diferentes entidades e persoas particulares para convidalas a realizar as achegas que consideren oportunas. Así, nesta listaxe inclúense as tres Universidades galegas, ou entidades de gran relevancia a nivel cultural como son a Real Academia Galega, a Real Academia Galega das Artes, o Consello da Cultura Galega, ou a Academia Galega do Audiovisual. Tamén se enviará comunicación ás principais Fundacións tanto provinciais como de todo o país, como son a Fundación Laxeiro, Fundación Valle-Inclán, Fundación Alejandro de la Sota, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Fundación Rosalía de Castro, Fundación Carlos Casares, ou Fundación Manolo Paz, entre outras. Inclúense outros colectivos culturais representativos como o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o Colexio de Arquitectos, a Asociación Galega de Editoras, ou a Asociación Galega de Fotografía. A nivel particular, enviarase comunicación ás persoas relacionadas coa xestión cultural e cos estudos artísticos que teñan mantido colaboración co Museo nos últimos anos, como poden ser comisarias e comisarios, coordinadoras e coordinadores de propostas expositivas, e conferenciantes.