Noticias

Aberto o prazo de inscrición para a Deporuta BTT de Meis organizada pola Deputación

Aberto o prazo de inscrición para a Deporuta BTT de Meis organizada pola Deputación


29 xullo 2019
BTT

Dende este luns está aberto o prazo de inscrición para participar na primeira das DepoRutas BTT, que organiza a Deputación de Pontevedra por terceiro ano consecutivo, e que sairá do concello de Meis o próximo 25 de agosto A proba, cun percorrido circular de case 42 quilómetros, iniciarase ás 10:30 horas na Praza de España de Meis e continuará en dirección a San Salvador. Dende alí comezan os ascensos aos montes da Escusa, Arcos e Castrove, onde se poderán observar unhas espectaculares vistas da ría de Arousa. A partir deste punto, as e os participantes irán ata o mosteiro de Armenteira e a subida ao curro da Escuso, dende onde poderán ver a ría de Pontevedra, para acabar regresando ao punto de inicio. 

As persoas interesadas en participar nesta ruta deberán ter un mínimo de 16 anos e poderán facelo, de maneira totalmente gratuíta, a través da web www.depo.gal. O prazo pecharase o vindeiro 21 de agosto.

A Deputación de Pontevedra organiza este ano un total de cinco DepoRutas BTT, dúas máis que o ano pasado. Así, as seguintes probas sairán dende os concellos de Silleda, o 15 de setembro; Nigrán, o 29 de setembro; Salceda de Caselas, o 20 de outubro; e Cangas, o 27 de outubro. Esta iniciativa da institución provincial está estreitamente vinculada co turismo medioambiental, coa sustentabilidade e coa posta en valor do territorio, tanto da costa como do interior da provincia.