Noticias

Ábrese o prazo para os IV Premios María Luz Morales de ensaio sobre o audiovisual

A Deputación de Pontevedra acollerá a cuarta edición do certame, que trata de poñer en valor a figura da xornalista e escritora galega


02 decembro 2019
IV Premios María Luz Morales

Recoñecer a figura da escritora e xornalista María Luz Morales Godoy e promover a investigación científica no ámbito audiovisual son os obxectivos fundamentais da cuarta edición dos Premios María Luz Morales, que acollerá a Deputación de Pontevedra. O prazo de presentación de traballos para o certame ábrese este luns, coa publicación das bases na páxina web da Academia Galega do Audiovisual, e rematará o 3 de maio do vindeiro ano.

O premio foi presentado ao abeiro da feira Culturgal, na que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou a importancia deste certame: "Tomamos agora o relevo destes premios que manifestan a grande revolución audiovisual que vive Galicia, con proxectos que están a recibir recoñecemento nacional e internacional". Os premios María Luz Morales naceron no ano 2017 e están organizados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas.

Os ensaios presentados ao certame poderán ser de dúas modalidades (ensaio escrito e videoensaio) e cada unha destas modalidades terá dúas categorías, unha que abarca calquera aspecto do audiovisual do ámbito internacional e outra na que se recollerán ensaios que estean relacionados especificamente co audiovisual galego. O premio para cada unha das catro categorías será de 1.200 euros e un trofeo conmemorativo. Ademais, os ensaios gañadores serán publicados na web da Academia Galega do Audiovisual, tanto en texto coma en vídeo. Os traballos deberán entregarse por correo electrónico no enderezo inscricions@academiagalegadoaudiovisual.gal.

A entrega de premios, na que se anunciarán os traballos gañadores, será acollida pola Deputación de Pontevedra en xuño de 2020. Con este certame preténdese recoñecer a labor de María Luz Morales, que foi, tal e como explicou Silva, "pioneira do xornalismo cultural no século XX, que en 1924 se fai cargo da crítica cinematográfica co pseudónimo masculino de Felipe Centeno, nome dun personaxe de Benito Pérez Galdós, porque daquela as mulleres tiñamos que asinar con nomes de homes".