Noticias

Absoluto éxito de PortAmérica 2018, o primeiro #RíasBaixasFests deste verán da Deputación de Pontevedra

O Festival desbordou todas as expectativas con máis de 21.000 visitantes, 500 empregos directos e o 99 % de ocupación hoteleira nas comarcas de Caldas e o Salnés


09 xullo 2018
Portamérica

O Festival PortAmérica, o primeiro dos Rías Baixas Fests deste verán 2018, da Deputación de Pontevedra, desbordou esta fin de semana todas as expectativas. A presidenta provincial, Carmela Silva, amosou hoxe a súa satisfacción polos excelentes resultados do evento, que concentrou na carballeira de Caldas a máis de 21.500 persoas, 4.000 delas acampadas. Ademais, o venres e o sábado esgotáronse a totalidade das entradas para asistir aos concertos de grupos como Vetusta Morla, Imelda May, Izal, Xoel López, Pussy Riot, La Pegatina, Miranda! ou El Columpio Asesino, e ao "ShowRocking" que concentrou ás mellores restauradoras e restauradores do Estado.

Carmela Silva asegurou que "as cifras poñen de manifesto a importancia e incidencia dos nosos festivais na economía das nosas vilas e pobos, xa que estamos a falar de que o 99 % das prazas hoteleiras da comarca de Caldas e o Salnés estiveron ocupadas e que o PortAmérica empregou directamente no festival a ata 500 persoas". Neste contexto, a presidenta provincial destacou que PortAmérica, o primeiro dos nosos RíasBaixasFests, foi "o pistoletazo de saída a un circuíto participativo, fundamental no século XXI, protagonizado pola nosa intelixencia cultural, a nosa industria musical e un tipo de turismo de experiencia con excelencia e emoción que, estou segura, vai seguir traendo moi boas novas para a provincia ao longo destes meses".

"Cada un dos RíasBaixasFest ten un elemento diferenciador que o converte en único", asegurou Carmela Silva. Neste eido, a presidenta destacou a aposta do PortAmérica pola gastronomía a través do "ShowRocking" que foi escollido como mellor zona de restauración dun festival a nivel estatal en 2015 e 2017 e que contou, nesta edición, baixo o comisariado de Pepe Solla, con máis de 30 nomes que suman un total de 30 Soles Repsol. "Deste xeito –destacou Silva– a través do festival conseguimos espallar outro dos grandes atractivos do noso destino como son os nosos produtos, os mellores do mundo".

Ademais, a presidenta provincial puxo en valor o éxito das iniciativas que a institución provincial puxo en marcha durante o festival en prol da igualdade e do respecto ao medio ambiente que esta fin de semana ocuparon espazos moi relevantes nos medios de comunicación a nivel estatal. Neste contexto, Carmela Silva destacou que durante os días que tivo lugar o festival púxose en marcha un stand informativo desde o que se espallaron as campañas "Conta comigo. Eu respéctote" e "Lembra. Eu decido. Ti respectas", polo que pasaron preto de 2.000 persoas das cales o 63 % foron mulleres e o 37 % homes. Desde este stand repartíronse 1.800 gorros, 7.000 adhesivos e 1.000 dípticos para previr casos de violencia sexual por submisión química e outros 1.000 para concienciar sobre o consentimento e a importancia de respectar o corpo alleo.

A presidenta provincial tamén valorou moi positivamente a aposta da Deputación no festival PortAmérica pola sustentabilidade coa campaña "Somos historias. Somos sostibles" que permitiu repartir en soamente cinco horas do venres preto de 1.500 ecocabichas.