A Deputación leva ao MARCO en Vigo a celebración central do 25N con “Canon Circular”

Carmela Silva: “Somos fortes, imos seguir aquí e imos traballar cada día máis duro contra as violencias e contra o negacionismo, poñan os atrancos que poñan, porque non hai quen poida parar a causa máis xusta e a forza da razón da igualdade”

25/11/2022

25N

A cor negra tinguiu hoxe en Vigo o espazo central do Museo MARCO, o Panóptico, para reivindicar a loita contra as violencias machistas no acto co que a Deputación conmemorou o 25N. A escultura de Francisco Leiro que simboliza unha muller foi cuberta polas creadoras da acción Canon Circular, Iria Sobrado, Ana Gesto e Helena Salgueiro, cunha tea negra nunha impactante performance de “Mulleres en Acción. Violencia Zero” que unha vez máis buscou “mobilizar conciencias a través da arte”, como destacou Carmela Silva. A presidenta provincial incidiu hoxe na necesidade de loitar contra o “desprezable discurso do negacionismo” e reivindicou as alianzas dende o feminismo para facerlle fronte.

Con Canon Circular, as artistas Sobrado, Gesto e Helena Salgueiro, quixeron representar a dor das mulleres a través da cor negra, da súa voz e dos seus movementos, “como abellas nun enxame” e, máis concretamente, a invisibilidade das mulleres dentro dos espazos nobres dos museos. Ao longo da acción, as tres creadoras foron cubríndose e descubríndose tamén coa tea negra, simbolizando deste xeito a necesidade de estar case cubertas para entrar nos museos e, unha vez dentro, descubrirse.

Na súa intervención, Carmela Silva puxo o foco no lema co que este ano a Deputación celebra o 25N: “Fronte ao negacionismo, alianzas dende o feminismo” para responder “ao desprezable discurso” que segue a negar “a violencia que se exerce contra as mulleres polo feito de selo, partidos políticos con representación incluso nalgúns gobernos que seguen a negar a evidencia”. A presidenta lembrou as 38 mulleres asasinadas no que levamos de ano, “e parece que non somos conscientes”, e as 1.171 desde 2003. “É un feminicidio en toda regra, ningún outro terrorismo ten tantas vítimas e sen embargo a sociedade normalizou as agresións e os asasinatos de mulleres. Son 1.171 berros que nos teñen que mover para rematar con estas violencias”, concluíu.

Carmela Silva insistiu en que as violencias contra as mulleres polo feito de selo son froito dun sistema patriarcal, violencias que xorden cando as mulleres non son submisas, non son subordinadas e cando se negan ao control dos maltratadores. Pero apuntou ao optimismo para acabar con esta lacra. ““Somos fortes, imos seguir aquí e imos traballar cada día máis duro contra as violencias e contra o negacionismo, poñan os atrancos que poñan, porque non hai quen poida parar a causa máis xusta e a forza da razón da igualdade”. E apuntou que “as mulleres temos que tecer fortes alianzas desde o feminismo porque ninguén nos pode parar. Estamos facendo a loita polos dereitos humanos das mulleres e ímolo conseguir. Farémolo máis pronto que tarde”, invitando a todas e todos a converternos en “axentes activos e activas contra as violencias. Somos moitas, dixo, e cada dia máis homes súmanse a nós porque entenden que non é soportable seguir vivindo nunha sociedade onde as mulleres son violentadas cada día”.

A presidenta rematou con palabras para todas as mulleres que padecen violencias “e non se renden nunca”, especialmente co exemplo da loita das mulleres iraníes, “valentes que poñen en perigo a súa vida e son un exemplo para o mundo”: “Imos seguir traballando para que poidan vivir nunha sociedade democrática. Porque non é democrática unha sociedade que nos maltrata, que nos violenta e asasina. Por elas, por nós, por todas, Mulleres en Acción. Violencia Zero

Declaración institucional

Pola mañá, no pleno da corporación provincial foi a profesora Azucena Arias a que leu a declaración institucional da Deputación neste 25N, que incide en que a violencia machista “non é un invento ideolóxico, como afirman perversamente os negacionistas, senón unha dramática realidade”, con datos aterradores, entre eles o aportado desde o Sistema Viogén que sinala que desde outubro de 2007 ata este ano xestionouse información sobre 629.789 vítimas de violencia de xénero. Afirmou que “non é unha violencia máis”, senón unha violencia estrutural que se manifesta de distintas formas e en distintos ámbitos e “por ser muller” e apoiada por “mitos que a esvaecen e dilúen”.

O manifesto recalca a importancia da “coeducación” para construír un mundo libre de violencia, “porque a igualdade apréndese”. E, máis concretamente, sinala a necesidade da implicación “dunha sociedade educadora e inclusiva, unha sociedade educadora e inclusiva, aberta, universalizada e unida”. “A sociedade –leu Arias- debe reaccionar!. Na nosa sociedade a igualdade aínda non existe. Falta moito camiño por andar (...) Todas as persoas somos necesarias para sandar esa chaga que macula a nosa dignidade como seres humanos. Subverter a violencia machista esixe determinación e non ser cómplices dese asoballamento universal. Non podemos tolerar que nos invada o silencio nin retrocesos. É unha tarefa colectiva evitar que iso suceda”. “A violencia contra as mulleres é inxustificable –concluíu-, máis debemos tamén conseguir socialmente que sexa inimaxinable, inconcebible. Non podemos deternos ata que iso suceda. A mellor fórmula para erradicala é a loita diaria. Todos os días deben ser 25 de novembro para conseguir un mundo onde as mulleres e varóns sexamos iguais en dereitos e oportunidades”.  

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.