O Pazo provincial e os edificios da Deputación locen xa a luz do Nadal tras un espectacular acendido

O alumeado chegou tamén ao Edificio Administrativo, ao Palacete das Mendoza e a Príncipe Felipe

02/12/2022

ACENDIDO ILUMINACIÓN NADAL PONTEVEDRA

Da man de “seres máxicos” interactuando co público a través do espectáculo de mimo, maxia, música e circo “Lux” e cunha chocolatada final, a presidenta da Deputación Carmela Silva premeu o “botón” de acendido do alumeado de Nadal das sedes e dos edificios da institución en Pontevedra nun acto non que non faltou a tradicional conta atras. O Pazo Provincial conta dende este serán con milleiros de luces led e un vestíbulo decorado a modo de “entrañable escena invernal”, cunha cabana de madeira, á que se pode acceder, e un lugar habilitado para tomar fotografías baixo as letras retroiluminadas de “Bo Nadal”.  “A xente –asegurou Carmela Silva-merece ser feliz e queremos espallar sorrisos e construír espazos para vivir experiencias a carón da felicidade”.

O alumeado do Pazo presenta cortinas luminosas led de 1,5 metros de caída e efecto flashing para cada un dos seus andares e frontón. Tamén inclúe motivos de Nadal led, similares a folerpas de neve, colocados nos rosetóns do segundo andar. O Edificio Administrativo loce con cortinas luminosas led de 1,5 metros de caída e efecto flashing en cada un dos tres andares do edificio. Ademais, están tamén alumeados dende hoxe os xardíns da Deputación, co magnolio grandiflora decorado con 20 mallas de luz nas súas ramas e 50 unidades de bolas 3D led e o resto de árbores engalanadas con 400 metros de grilanda de cor branca cálida con flashing. Pola súa banda o Palacete das Mendoza inclúe cortinas led de 1,5 metros de caída en tres das súas fachadas e ten alumeado a árbore-escultura con grilanda microled de cor branca e efecto flashing.

O Centro Príncipe Felipe, que premeu o botón de acendido das luces de Nadal unha hora antes que as edificacións do centro de Pontevedra, ten tamén alumeados os seus accesos, o centro infantil, o centro Agarimo e a fachada da Escola Fogar. Na entrada do recinto está instalado un abeto natural con grilanda microled e efecto flashing e 3 estruturas de árbores luminosas de 1,5 metros de altura. Na avenida principal as copas das árbores contan con grilandas microled de efecto flashing. Pola súa banda estrelas decoran o centro infantil e o centro Agarimo, así como cortinas de 1,5 metros de caída con efecto flashing. No caso da Escola Fogar colocaranse tres conos luminosos tipo árbores de Nadal, de 80 centímetros, e 6 bolas de 30 centímetros no seu xardín de entrada, ademais da cortina luminosa que enche de luz o resto de edificacións do recinto.

En canto á decoración, no vestíbulo do Pazo Provincial tense recreado unha auténtica postal de Nadal, cunha cabana do bosque, de madeira, con referencias ao Castelo de Soutomaior e á Ría de Vigo, coa ponte de Rande. A cabana, rodeada de céspede, conta cun sendeiro de acceso alumeado e elementos decorativos típicos do Nadal. Pode accederse ao seu interior, onde está disposta unha cheminea e elementos de Nadal a modo de photocall. A súa traseira tamén é un “escenario” parar “crear recordos” destas datas, xa que inclúe un banco sobre o que se sitúa a expresión “Bo Nadal” con luces retroiluminadas. Amais da cabana do bosque, o Pazo conta con arranxos vexetais nos arcos do vestíbulo e na balaustrada do primeiro andar.

Mañá venres, 2 de decembro, será a quenda do castelo de Soutomaior e, por primeira vez, da fortaleza de Sobroso. Soutomaior vivirá unha “auténtica festa do Nadal cun espectacular acto cheo de sorpresas que comezará ás 18.00 horas”, tal e como asegurou a presidenta Carmela Silva. Ademais de alumearse o recinto histórico tamén terá lugar a apertura do mercadiño de Nadal, que permanecerá aberto ata o 8 de decembro en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. O mercadiño contará con postos e artesanía, viños, conservas, libros e produtos da Terra de Montes e outros relacionados coa camelia. Ao longo do Nadal o castelo acollerá tamén visitas teatralizadas para familias, con todas as prazas xa cubertas, e obradoiros para nenas e nenos de entre 5 e 10 anos.

Galerias de imaxes

videos