A Deputación únese ao espectacular alumeado de Vigo co acendido da súa sede no casco vello nunha animada festa de Nadal

Elfas e elfos acompañaron á presidenta Carmela Silva na tradicional conta atrás que deu paso ao alumeado e á estrea da recreación exterior dunha “entrañable escena invernal” con espazo para tomar fotografías e “crear recordos”

01/12/2022

ACENDIDO NADAL SEDE VIGO

Coas notas do saxofón interpretando en directo pezas tan propias destas data como “All I want for Christmas is you” de Mariah Carey ou as recoñecidas “Have yourself a Merry Little Christmas”, “Jingle bells rock” ou “Last Christmas”, un grupo de elfas e elfas  e unha flor zancuda acompañaron esta tarde á presidenta da Deputación Carmela Silva n conta atrás para o esperado acendido do alumeado e inauguración da decoración de Nadal na sede institucional de Vigo, que únese así no Casco Vello ao espectáculo das luces de Vigo. Amais, a rúa Eduardo Chao conta dende este serán no exterior da Deputación cunha “entrañable escena invernal” que recrea unha pequena praza dun pobo cun lugar habilitado para tomar fotografías baixo as letras retroiluminadas de “Bo Nadal”. “A xente –asegurou Carmela Silva-merece ser feliz e queremos espallar sorrisos e construír espazos para vivir experiencias a carón da felicidade”.

O alumeado de Nadal da sede de Vigo presenta cortinas luminosas led de 1,5 metros de caída en toda a contorna da edificación. Ademais, inclúe motivos de Nadal, tamén led, similares a folerpas de neve que están instalados na fachada principal de pedra do edificio. En canto á decoración, no exterior da sede recréase unha praza dun pobo, con cabanas de madeira semellantes ás cabanas dos bosques, que configuran unha auténtica postal de Nadal con referencias ao Castelo de Soutomaior e á Ría de Vigo. Ao seu carón disponse un banco, que vai servir de photocall para “crear recordos” destas datas, sobre o cal preséntase a expresión “Bo Nadal” en letras retroiluminadas. No interior da sede de Vigo está instalado un abeto e tamén árbores de madeira nos descansos das escaleiras de acceso ás plantas superiores.

Ademais de acender as luces en Vigo, tamén hoxe premeuse o alumeado das sedes institucionais en Pontevedra, tanto no Pazo provincial como en Príncipe Felipe, no Edificio Administrativo e no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas. Será mañá venres, 2 de decembro, ás 18.30 horas, a quenda do castelo de Soutomaior e, por primeira vez, da fortaleza de Sobroso. Soutomaior vivirá unha “auténtica festa do Nadal cun espectacular acto cheo de sorpresas”, tal e como asegurou a presidenta. Ademais de alumearse o recinto histórico terá lugar a apertura do mercadiño de Nadal, que permanecerá aberto ata o 8 de decembro en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas cunha vintena de postos de artesanía, viños, conservas, libros e produtos da Terra de Montes e outros relacionados coa camelia. Ao longo do Nadal o castelo acollerá visitas teatralizadas para familias, con todas as prazas xa cubertas, e obradoiros para nenas e nenos de entre 5 e 10 anos.

Galerias de imaxes

videos