Tui reforza a súa aposta pola mobilidade peonil e ciclista co acondicionamento da rúa Loureiro e do acceso á praia de Areeiros da man da Deputación

A Administración provincial investiu preto de 350.000 euros en dúas actuacións nas que se primou a prioridade peonil, se instalaron sistemas de calmado de tráfico e se reforzou a conexión coa contorna natural

12/04/2022

Obras en Tui

O Plan Concellos da Deputación de Pontevedra está a implantar en Tui un modelo de mobilidade amable e sostible con obras como o acondicionamento da ruta peonil e da vía ciclable na rúa Loureiro ou a mellora no acceso á praia de Areeiros, que tiveron un orzamento total de 345.788 euros. Ata estes puntos trasladáronse a deputada e o deputado provinciais, Raquel Giráldez e Santos Héctor, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, nunha visita na que comprobaron o estado destes espazos públicos tralas obras.

A visita recalou en primeiro lugar na ruta peonil e na vía ciclista que existe na marxe dereita da rúa Loureiro, entre a ponte romana a rotonda que conecta coa PO-404 e que une o barrio da Pinza co centro de Tui. Esta zona foi acondicionada cunha partida de 154.352 euros do Plan Concellos, que serviu para reparar o pavimento, delimitar as vías cunha liña de elementos cerámicos continuos e sen arestas inseridos no pavimento e, deste xeito, eliminar a barreira que supuñan os antigos bordos.

O reforzo da “humanización” da rúa Loureiro tamén incluíu elementos como pérgolas ou un manto vexetal, que agora configuran novas zonas de recollemento para facilitar o descanso das persoas usuarias. Do mesmo xeito, para “calmalo tráfico” instaláronse redutores de velocidade na calzada e unha iluminación intelixente nos pasos de peóns que, ademais, foron elevados. Ademais, para garantir a permeabilidade peonil cara a praia de Areeiros, executouse un novo paso de peóns.

O acceso ao areal tudense dende a rúa Loureiro foi outro dos puntos visitados posto que a súa mellora e acondicionamento foron financiados con 191.436 euros do Plan Concellos. Este viario, situado na Veiga do Louro, conta con dous tramos diferenciados. No primeiro deles, entre a rúa Loureiro e o cruce coa senda peonil Tui-Caldelas, renovouse o pavimento e instaláronse zonas con aliviadoiros para os vehículos.

O segundo tramo do acceso a Areeiros, que chega ata a praia fluvial, converteuse nunha zona controlada ao tráfico rodado na que se deu continuidade á senda peonil, xerando un ambiente máis natural. Ademais, instalaranse puntos de luz en todo o percorrido así como unha nova rede subterránea de baixa tensión e de alumeado público.