#8M a manta-cobija das “Locas” de Mariana Sellanes enche de reivindicación,feminismo e sororidade a sede da Deputación en Vigo

A “impresionante” colcha, de 17 m de longo por 1,2 m de alto, é un proxecto coral no que participaron preto dun centenar de mulleres de 15 nacionalidades coa participación viguesa das asociacións Viúvas Demócratas e da Praza da Miñoca

08/03/2022

8M

A Deputación encheu neste 8M de reivindicación feminista e sororidade a sala Rosalía da súa sede provincial en Vigo coa “creativa, impresionante e colorida” peza “Las Locas”, a acción artística, internacional e reivindicativa que xuntou a mulleres de todo o tecido asociativo, feminista, cultural, social e deportivo da cidade. A especialísima “manta-cobija” que xa loce nas paredes da sede é un proxecto colaborativo que a creadora uruguaia Mariana Sellanes leva desenvolvendo a nivel internacional nos últimos anos, traballando con preto dun centenar de mulleres de máis de 15 nacionalidades, que percorre o mundo e no que a provincia de Pontevedra deixa pegada a través das asociacións viguesas Viúvas Demócratas de Vigo e da Praza da Miñoca. No acto, no que se escoitou a música do grupo “As lembranzas”, a presidenta Carmela Silva subliñou que “neste días reivindicamos as historias de todas as mulleres e esta manta, que nos acubilla coa súa beleza, mostra que as mulleres somos fortes cando estamos xuntas. Defendemos a humanidade e por iso, dixo, somos grandes, imprescindibles e imparables”.

A sede viguesa da Deputación, alumeada en cor morado e decorada coa pancarta e o lema deste 8M “Feminismo é conseguir a axenda da paridade”, amosa dende hoxe e ata o 15 de abril a enorme manta “cobija” tipo patchwork na que Mariana Sellanes comezou a traballar fai máis de catro anos seguindo o exemplo das avoas do campo venezolano, chamadas “Locas” pola variedade de cores e ausencia dun patrón de deseño nas súas mantas. A peza simboliza dende a parte íntima a identidade e a conciencia individual e colectiva, a colaboración, a implicación, a protección, a sororidade e loita conxunta das mulleres de todo o mundo en prol da igualdade, así como o empoderamento da experiencia emocional feminina. Para elo emprega teas de 50x50 cm elaboradas por mulleres de todo o mundo, de diferentes culturas e identidades que deixan pegada nelas con experiencias persoais, sentimentos, recordos, vivencias e sensacións nun proceso espectacular de creación coral.

Carmela Silva quixo falar acompañada das deputadas e de todas as mulleres dos diferentes departamentos da Deputación “porque son a que fan posible que sexamos unha administración feminista que reivindica o papel das mulleres no mundo”. Declarou que “esta manta conta a historia invisibilizada e oculta de moitas mulleres e representa e inclúe a todas na súa diversidade”. A presidenta agradeceu a Mariana Sellanes “que trouxese o seu proxecto a Vigo porque as mulleres viguesas van estar na súa historia. É unha grande idea na que se está a traballar para que chegue á ONU porque é aí onde ten que estar esta manta que fala de nós”. A presidenta provincial, que tivo un emotivo recordo da súa nai,  subliñou que as mulleres que elaboraron a cobija “son pioneiras como as nosas tataravoas, as nosas avoas, as nosas nais, nós e as nosas fillas que nos acubillaron como fai esta manta”. Carmela Silva rematou dicindo que “as mulleres somos as gardadoras, as vixiantes de que o ser humano estea no centro de todo. Sen as mulleres, sinalou, non hai vida, non hai política, cultura, ciencia… nada. ¿Que sociedade é unha a que lle falta a metade?”.

Pola súa banda a creadora da instalación artística, unha emocionada Mariana Sellanes destacou que “non hai ningunha outra forma de entrar no mundo que ao través do corpo dunha muller e por iso todas somos creadoras”. Sellanes indicou que “o centro de todo este proxecto son as historias emocionais das mulleres que participaron”, afondando en cuestións como a reivindicación e loita feminista, ata a elección sobre a maternidade, o corpo, a enfermidade, os abusos, a identidade, as relacións tóxicas, a emigración ou actividades que se teñen vinculado culturalmente coas mulleres como son as tarefas domésticas, todo elo “contado dende a parte íntima e persoal directa”. “A historia emocional das mulleres –asegurou a artista-, que sempre se descualificou dalgún xeito, é o noso grande bastión, a nosa grande trincheira, o noso grande lugar de loita e forza interna, porque é o máis íntimo e persoal, o que toca máis ás individualidades, acrecenta a nosa autoestima e, tamén, aquilo polo que nos deron máis duro dende o punto de  vista psicolóxico e físico. A forza está aí, en non descualificar a nosa emocionalidade”.

Durante o acto, que rematou cunha fotografía das mulleres viguesas implicadas na elaboración da “cobija” acubilladas baixo a  manta de Mariana Sellanes, entregáronse bolsas de tea e camisetas co deseño e lema “Feminismo é conseguir a axenda da paridade”. A propia artista encargouse ao remate do acto de guiar o percorrido á exposición, dando conta das historias de cada unha das pezas internacionais que compoñen a manta

Exposición

A “enorme” manta “cobijo” de 17 metros de longo por 1,2 metros de alto pódese visitar ata o 15 de abril na Sala de Rosalía de Castro da sede de Vigo da Deputación. Está  colgada en forma de “L” de xeito que queda á altura dun cadro, para que se poida observar en detalle o seu contido. A provincia de Pontevedra deixa así a súa pegada na “cobija” coa participación de Pilar Rodríguez, Marisa Salgueiro e Dolores Prieto, da Asociación Veciñal Praza da Miñoca, e Mari Quinteiro, Julia Castaño, Rosa Domínguez, Manoli Cousillas, Catalina Rey, Mercedes López, Carmen Fernández, da Asociación Viúvas Demócratas de Vigo, así como Ayariz Moreno. Todas elas, coordinadas por Berenice Walcott, traballaron no proxecto “Las Locas. A nosa historia emocional acubíllanos”

 

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.