Noticias

Adxudicadas a Taboada e Ramos as obras de reforma da estrada provincial EP-5005 entre A Cañiza e A Pousa

O deputado Uxío Benítez explica que os traballos de rehabilitación do firme deberán estar finalizados a primeiros do outono


13 marzo 2019

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar de maneira oficial a adxudicación das obras de rehabilitación do firme de máis de 12 quilómetros da estrada provincial EP-5005 A Cañiza-A Pousa, dentro do termo municipal da Cañiza, á empresa ‘Construcciones Taboada y Ramos SL'. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, finalmente o investimento será de preto de 426.000 euros, logo de escoller a mellor oferta técnica e económica de entre as 10 aspirantes, sendo unha excluída por presentar baixa temeraria.

O deputado responsable do Servizo provincial de Mobilidade apunta que as obras poderán comezar no mes de maio unha vez se asine formalmente o contrato (para o que hai de prazo un mes) e a empresa adxudicataria presente a acta de replantexamento dos traballos (con outro mes de prazo). Unha vez estean solucionados todos os trámites administrativos a duración dos traballos deberá ser de catro meses desde o seu inicio, polo que a estrada terá que estar reformada a primeiros do outono.

O obxectivo deste proxecto, que abrangue 12,3 quilómetros de vía (desde o 1+100, onde está a glorieta ao sur da autovía, ata o 13+400), é mellorar a seguranza viaria e peonil. As obras mellorarán a plataforma da vía coa pavimentación da traza existente e comezarán levantando o firme en mal estado para despois aplicar diferentes emulsións asfálticas, regos de adherencia, mesturas bituminosas e microaglomerados que garantirán a estabilidade da nova plataforma. Tamén se mellorará a drenaxe da estrada, instalando tubaxes nas correspondentes beiravías co fin de eliminar balsas de auga na calzada os días de chuvia. Por último realizarase o pintado das marcas de sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, liñas brancas transversais, símbolos e frechas, entre outros).

Esta actuación da Deputación fora consensuada co Concello da Cañiza, que pedira tamén unha mellora no contorno do campo de fútbol que linda coa estrada, pero en terreos fóra do dominio público da institución provincial. Finalmente, o Servizo de Mobilidade asumirá tamén o saneamento, asfaltado e pintado das marxes da vía provincial (o proxecto está en redacción) para que despois o Concello instale elementos de mobiliario urbano coa intención de dotar a este espazo público dunha maior calidade para o uso da cidadanía.