A Deputación adxudica por máis de 423.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil na EP-801 Valga-Martores

As actuacións comprenden un tramo de case medio quilómetro que conflúe co Camiño Portugués a Santiago e no que as persoas terán prioridade

30/07/2022

O itinerario peonil co que contará a EP-8501 Valga-Martores está cada vez máis preto de converterse en realidade trala adxudicación das obras de mellora da seguridade viaria e mobilidade por parte da Xunta de Goberno provincial. As actuacións teñen un orzamento de 423.947 euros dos que a Deputación financiará o 70% mentres que o concello farase cargo do 30% restante. Tras elas, a estrada provincial ao seu paso polo núcleo rural de San Miguel de Valga contará cunhas condicións idóneas para a veciñanza así como para as persoas que peregrinan polo Camiño Portugués a Santiago, xa que a estrada coincide coa ruta xacobea ao longo de 260 metros.

As actuacións levaranse a cabo nun tramo de 450 metros (do PQ 1+050 ao 1+500) entre o cruzamento coa rúa da Bella Otero e a saída do núcleo rural, chegando ata a Escola de Chenlo, pertencente ao Colexio Rural Agrupado de Valga. Nesta zona crearase un itinerario peonil continuo formado por unha senda peonil cun ancho de 2,5 metros e unha plataforma de convivencia ao paso polo núcleo de San Miguel. A plataforma será sobreelevada e as e os peóns terán prioridade ao longo do seu percorrido, que se integrará no ámbito de actuación e se instalará mobiliario urbano.

 As obras comprenden ademais a execución de catro muros de contención, unha nova rede de iluminación pública e dúas balizas de paso peonil. Do mesmo xeito, está prevista a mellora integral da drenaxe das augas pluviais.