Noticias

Adxudicadas as obras de estabilización do noiro da estrada provincial EP-0018 en Amil a Construcciones Castro Figueiro

As obras impulsadas polo Departamento provincial de Mobilidade comezarán no verán e terán dous meses de prazo de execución


14 maio 2019
Amil

A Xunta de Goberno da Deputación aprobará o vindeiro luns de forma oficial a adxudicación dos traballos de estabilización do noiro da EP-0018 en Amil (Moraña) á empresa Construcciones Castro Figueiro SLU tras presentar unha oferta de 175.378,44 euros. A previsión do Departamento de Mobilidade dirixido por Uxío Benítez é comezar as obras o antes posible durante o verán, despois de pechar todos os trámites administrativos de sinatura de contrato e entrega de documentación, sempre en coordinación co concello. O prazo de execución dos traballos será de dous meses.

O deputado responsable da actuación explica que as obras consistirán na construción dun novo terraplén e dun muro de escollera para conter as terras nas que se asenta a estrada para así dar estabilidade ao tránsito de vehículos e de peóns e garantir a seguranza viaria. Nestes momentos, apunta o nacionalista, a estrada presenta unha lixeira pendente e empenamentos do firme no punto quilométrico 12+800, onde a beirarrúa ten unha fenda e está afundida, estando envorcada tamén a barreira metálica.

Dados estes problemas a empresa construtora deberá substituír o terreo da base da estrada que está desprazado por un novo terraplén, saneando o apoio e executando bancadas para salvar o desnivel, ademais de construír un muro de dique. Na parte superior da estrada manterase a sección con dous carrís de 3,50 metros, eliminarase a beirarrúa do lado do terraplén (quedará unha beiravía de 0,5 metros e unha berma de 1,10 metros), e ampliarase a beirarrúa do lado das edificacións ata os 2,5 metros.

O proxecto para a estrada da Amil está finalizado desde xullo de 2017. Entón, segundo explica o deputado nacionalista, trasladouse ao concello a necesidade de terreos para a súa execución, mais o goberno local non colaborou na súa consecución a pesares de terse comprometido polo que finalmente foi a Deputación a que puxo a disposición as fincas mediante un expediente expropiatorio. Este proceso –entre a inacción do concello e os trámites expropiatorios–  dilatou a licitación e adxudicación da obra.

O inicio das obras na Amil poderá ser unha realidade no verán, logo de que a adxudicataria asine o contrato, presente a correspondente documentación, e entregue a acta de replanteamento dos traballos. A intención do Departamento de Mobilidade é comezar a actuación tan pronto como sexa posible e en coordinación co concello aproveitando o bo tempo.