O AECT Rio Minho e os concellos transfronteirizos abren un proceso de participación cidadá para abordar problemáticas cotiás da súa veciñanza

O cuestionario, dispoñible ata o 15 de xaneiro na web aectriominho.eu, lánzase no marco da dinamización das Axendas Urbanas Transfronteirizas

15/12/2022

Mesa cultura

A elaboración das Axendas Urbanas Transfronteirizas do Río Miño consiste nun traballo de planificación conxunta entre os municipios das dúas marxes, promovido polo AECT Rio Minho en colaboración cos concellos do territorio, no que se leva traballando dende finais do pasado ano. Despois dun amplo proceso de capacitación e do desenvolvemento de varias mesas de traballo con axentes locais é agora a quenda de abrir un novo proceso de participación que permita dar voz á cidadanía na toma de decisións de cuestións que afectan ao seu día a día.

En concreto, as equipas técnicas dos municipios de Melgaço-Arbo-As Neves-A Cañiza-Crecente, Caminha-A Guarda-O Rosal e a Eurocidade de Tomiño-Cerveira deseñaron nos últimos meses varias propostas de intervención sobre diferentes asuntos e problemáticas que afectan a cada un destes  territorios tomando como base de traballo os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas. Agora todas aquelas persoas interesadas poderán dar a súa opinión a través dunha enquisa  online xa dispoñible na web do AECT Rio Minho https://aectriominho.eu/axendas-urbanas-transfronteirizas/enquisa/ ata o vindeiro 15 de xaneiro.

Cada grupo de traballo transfronteirizo elaborou un cuestionario diferente enfocado nas temáticas seleccionadas polas equipas técnicas municipais. Así, no caso Melgaço-Arbo-As Neves-A Cañiza-Crecente a sondaxe céntrase na vivenda e mobilidade. Na enquisa de A Guarda, Caminha e O Rosal as preguntas están enfocadas na mobilidade, cultura e patrimonio. Por último, o cuestionario da Eurocidade Tomiño-Cerveira inclúe preguntas sobre reciclaxe e economía circular, mobilidade, hábitos de consumo, igualdade e programación cultural.

A implantación das Axendas Urbanas Tranfronteirizas no territorio do Rio Minho permitirá que a área transfronteiriza sexa máis inclusiva, resiliente e sostible. A importancia desta ferramenta de planificación conxunta reside no seu carácter innovador, trátase dunha iniciativa de cooperación que quere concibir o territorio como un espazo funcional e buscar novos xeitos de atallar problemas que afectan directamente á vidas das persoas.

O programa de capacitación “Axendas Urbanas Transfronteirizas das Eurocidades do Río Miño” intégrase no proxecto “Rede de Apoio ás Dinámicas Locais de Coooperación no Río Miño Transfronteirizo” – Rede Lab Minho”, promovido polo AECT Rio Minho e co-financiado polo Programa Interreg V-A España – Portugal.

Galerias de imaxes