Agosto remata cargado de actividades culturais e na natureza da man da Deputación

Esta derradeira semana contará con concertos de “Musigal”, paseos a cargo dos “Bosques terapéuticos”  e accións nos castelos de Soutomaior e Sobroso

26/08/2022

A Deputación de Pontevedra pon o broche a este mes de agosto cunha axenda repleta de actividades para todos os públicos. Dende este venres 26 de agosto ata o vindeiro xoves 1 de setembro, música, cultura e natureza conformarán a programación que a administración provincial espalla polos seus concellos.

As actividades dan comezo este venres 26 cunha ruta de "Bosques Terapéuticos", que percorrerá os salóns do río Lérez, á vez que ofrece unha experiencia cultural, terapéutica e enriquecedora. Pola noite, ás 21.00 horas, a explanada da praia do Bao na Illa de Arousa, será o escenario do concerto de Tanxugueiras ao abeiro do programa "Musigal".

Na fin de semana, tanto o sábado 27 como o domingo 28, terán a mesma estrutura de programación. Pola mañá, dúas rutas de "Bosques Terapéuticos": o sábado a visita guiada pola natureza transcorrerá pola Illa de Tambo; o domingo será un percorrido pola ruta da Pedra e da Auga. Pola noite, as actividades corren a cargo de "Musigal" con dous concertos: Xisco Feijoo actuará o sábado ás 23 horas no recinto da Muralla de Salvaterra de Miño; e o domingo será o quenda de Luar a Lubre, na alameda de Ponte Caldelas ás 21.30 horas.

O luns 29 pola tarde, ofrécense dúas sesións de visitas teatralizadas no Castelo de Soutomaior, ás 17.00 e ás 18.30 horas. Nestas visitas contarán unha historia familiar e divertida chea de xograres, bufoas e trobadores.

Xa, unha vez comezada a semana, o martes 30, ás 18 e ás 19.30 horas no Castelo de Soutomaior, as e os visitantes recibirán unha visita guiada polos xardíns e o castelo, a cargo de guías caracterizadas como María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Emilia Lluria. Pola noite, o concello de Cangas acollerá o concerto de "Musigal" a cargo de Luar na Lubre, ás 22.30 horas, no recinto das Naves de Ojea. E para rematar, o xoves 1 de setembro ás 19.00 horas, será o Castelo de Sobroso o que conte obra de teatro e comedia Saaabor!, unha actividade de "Tras as Ameas" interpretada por Félix Rodríguez e Fran Rei.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.