Esgotadas as prazas para os dous primeiros obradoiros da III edición da Escola de Letras

Os cursos que impartirá a escritora Inma López Silva desde o 8 de febreiro en Vigo e Pontevedra cubriron as súas 30 prazas en cuestión de horas e xa hai lista de agarda

19/01/2022

A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia, primeira en Galicia e unha das escasas que existen a nivel estatal, arranca a súa terceira edición revalidando a súa excepcional acollida na provincia. Deste xeito, as 30 prazas para os dous primeiros obradoiros que impartirá a escritora Inma López Silva en Vigo e Pontevedra, a partir do 8 de febreiro, esgotáronse ás tres horas de abrirse o prazo, completándose o aforo de ambos os dous cursos e cunha ampla lista de agarda.

Os dous obradoiros literarios de López Silva abrirán así esta edición na sede da Deputación en Vigo. Serán oito sesións os días 8, 15 e 22 dese mes, 8, 15, 22 de marzo e 5 e 19 de abril. En Pontevedra, o 10 de febreiro comezará o curso que a escritora impartirá no Edificio Administrativo e continuará os días 17 e 24 dese mes e os días 3, 10, 17, 24 e 31 de  marzo.

Este ano serán un total de seis os obradoiros, tres en Vigo e tres en Pontevedra, cun claustro formado por tres autoras, Inma López Silva, Elvira Ribeiro e Anna Figueiredo, e dous autores, Diego Giráldez e Antonio García Teijeiro, baixo a dirección de Francisco Castro. Amais, volverán a celebrarse máster class para o público en xeral. Unha das principais novidades está no sistema de inscrición que se abre este ano para cada un dos cursos (todos eles de 15 prazas) un mes antes do inicio. Deste xeito, despois dos cursos de Inma López Silva, abrirase en marzo a inscrición para o de poesía que ofrecerá Antonio García Teijeiro en Vigo en abril (días 26 e 27). As persoas interesadas deberán inscribirse en escoladeletras@editorialgalaxia.gal.

A Escola retomará despois a súa actividade en setembro, cando iniciarán os seus obradoiros Anna Figueiredo en Pontevedra (19 e 26 dese mes; 3, 10, 17 e 24 de outubro e 7 e 14 de novembro) e Diego Giráldez en Vigo (13, 20 e 27 de setembro; 4 e 11 de outubro). En outubro arrancará o obradoiro de poesía que impartirá Elvira Ribeiro, en Pontevedra (18 e 25 dese mes). Todos serán de 18 a 20 horas agás o de Anna Figueiredo, de 19 a 21 h.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.