Noticias

Alcaldías de ambas beiras reúnense en Valença para traballar conxuntamente no Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño

Os concellos e cámaras participantes poderán facer as súas achegas técnicas ata o 30 de novembro


08 novembro 2019
Alcaldías Rio Miño

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, reuníuse onte en Valença cos alcaldes e alcaldesas dos municipios do territorio para avanzar no desenvolvemento do Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo (PMST) e coñecer as súas impresións sobre o mesmo.

"Todos os axentes políticos do territorio temos moito que dicir e precisamos cohesión nas demandas para o territorio dos dous Estados", sinalou Uxío Benítez, que remarcou o carácter multidisciplinar das problemáticas relacionadas coa mobilidade transfronteiriza. O Plan, que se atopa en fase de redacción, incorporará as achegas dos equipos técnicos dos concellos e cámaras ata o 30 de novembro, e será presentado oficialmente a principios do 2020.

A xuntanza, presidida polo deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, contou coa presencia do presidente da Cámara de Caminha, a alcaldesa de Tomiño, o alcade da Guarda, a alcaldesa do Rosal, os presidentes das Cámaras de Paredes de Coura, Valença, Monçao, o alcalde das Neves, os presidentes das Cámara de Vilanova de Cerveira e Melgaço, os alcaldes de Mondariz, A Cañiza e Salvaterrade Miño, o técnico do CIM-Alto Minho e os representantes do AECT Rio Minho Antonio Torras e Lois Pérez Castrillo.

Os alcaldes remarcaron a necesidade de apostar de xeito cooperativo, a curto e longo prazo, por un proxecto de mobilidade que preste atención a particularidades do territorio relacionadas co crecemento do Camiño de Santiago, o transporte de mercadorías ou os movementos de traballadores a través da fronteira.

O Plan de Mobilidade

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo ten por obxectivo implantar formas de desprazamento máis sostibles logrando, ao mesmo tempo, garantir a conectividade real do territorio cos principais nodos de atracción.

O Plan propón un total de 22 medidas, en torno a sete liñas de actuación, centradas na mellora dos desprazamentos en modos non motorizados, do transporte público, da mobilidade de persoas de mobilidade reducida; do transporte a grandes áreas e centros receptores de viaxes, da seguridade viaria, medidas medioambientais e outras actividades de mobilidade. 

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo aposta por situar ás persoas no centro da planificación dun extenso territorio: a fronteira ibérica máis transitada e a que ten un maior fluxo de vehículos de media (47 %) entre España e Portugal. Abrangue máis de 3.300 km2 de territorio, inclúe a 26 municipios galegos e portugueses e a unha poboación de ao redor de 376.000 persoas. Con este Plan podería iniciarse un camiño de mellora da mobilidade sustentable entre ambas beiras do río Miño.

Smart Minho

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.