A xurista e experta internacional en xénero e dereitos humanos Alda Facio abrirá o 1 de xuño o II Encontro Nacional de Políticas Públicas de Igualdade

Máis dun centenar de persoas inscribíronse xa para asistir ao simposio que, baixo a coordinación de Rosa Cobo, analizará a situación e os retos das políticas de igualdade en trece hora de debate durante dúas xornadas no Castelo de Soutomaior

28/05/2022

A participación da xurista feminista e referente internacional en xénero e dereitos humanos Alda Facio será un dos pratos fortes na primeira xornada do II Encontro Nacional de Políticas Públicas que a Deputación, a través da Escola de Igualdade María Vinyals, desenvolverá no Castelo de Soutomaior os vindeiros días 1 e 2 de xuño. Xa hai máis dun centenar de persoas inscritas para asistir a este simposio que, nesta segunda edición, abordará como temas centrais a violencia sexual e a situación da igualdade na Universidade e na Cultura a través dos relatorios de quince mulleres, as maiores referentes do feminismo do Estado, para ofrecer trece horas de debate. O encontro, para o que sigue aberta a inscrición nesta ligazón, será presencial e retransmitido tamén por streaming na web e nas redes da Deputación.

A cita arrancará o mércores 1 de xuño ás 9.30 horas coa intervención da presidenta da Deputación, Carmela Silva, á que seguirán as de Nuria Varela, directora xeral de Igualdade do Goberno do Principado de Asturias, e a xurista costarriqueña Alda Facio, que abordarán “Políticas de Igualdade sobre violencia machista. A violencia sexual como vulneración dos dereitos humanos. O papel de Nacións Unidas”. Facio está recoñecida como unha das maiores expertas internacionais en xénero e entre os seus aportes máis destacados ten contribuído na creación de normativa contra a violencia exercida contra as mulleres. Fundou “Caucus de Mulleres por unha xustiza de xénero” na Corte Penal Internacional, converténdose na súa primeira directora.  Desde 1991 é directora do “Programa Muller, Xustiza e Xénero do Instituto Latinoamericano das Nacións Unidas para a Prevención do Delito” e no 2005 foi nomeada ao Comité Asesor para o Estudo e Profundidade da Violencia contra as Mulleres realizado polo Secretario Xeral da ONU.

A “Violencia sexual en adolescentes” será o tema de debate do seguinte relatorio, ás 11.15 horas, que ofrecerán a catedrática de Filosofía e coordinadora do Comando Igualdade, Chis Oliveira, e a politóloga e coordinadora do proxecto da Deputación Canteira de Igualdade, Priscila Retamozo. E as intervencións a partir das 12.45 horas da profesora de Filosofía da Complutense, Luisa Posada, e da profesora, escritora feminista e coordinadora do Encontro, Rosa Cobo, sobre “Violencia sexual, cultura de la violación e da explotación sexual” pecharán a xornada matinal.

Pola tarde, o debate centrase na Universidade. Deste xeito, ás 16.15 horas, Soledad Murillo de la Vega, ex secretaria de Estado de Igualdade e profesora de Socioloxía e Rosa San Segundo, presidenta de EUFEM, que agrupa aos centros e institutos de estudos feministas e de xénero, falarán de “Que lugar ocupan os estudos feministas na Universidade?”. Para cerrar a primeira xornada, ás 17.45 celebrarase unha mesa redonda sobre a “Igualdade na docencia e investigación: retos pendentes”, coa participación das expertas Isabel Menéndez (Universidade de Burgos); Inma Pastor (Universidade Rovira i Virgili de Barcelona) e Águeda Gómez (Universidade de Vigo).

Segunda xornada

A delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, será a encargada de abrir a segunda xornada do Encontro o 2 de xuño, ás 9.30 horas, cunha conferencia que analizará a “Violencia contra as mulleres e políticas de igualdade”. A este relatorio seguiranlle outros dous centrados na igualdade na cultura, o primeiro ás 10.30 horas coa escritora e expresidenta de Clásicas e Modernas, Anna Caballé, que pronunciará a charla titulada “A ignorancia non é un ben. Cara unha resignificación do patrimonio literario”, e o segundo ás 12 con Alba González Sanz, investigadora feminista e experta en políticas de igualdade en cultura, e Asunción Bernárdez, catedrática de Comunicación da Complutense, que abordarán a “Igualdade na cultura. Que poden facer as políticas públicas”. A coordinadora do Encontro, Rosa Cobo, pechará a xornada coa lectura das conclusións.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.