Noticias

Ángeles Álvarez insta o estado a poñer límites e a prohibir de forma terminante o alugueiro de mulleres con fins reprodutivos

Álvarez destacou a importancia da linguaxe, "elemento clave da industria reprodutiva, que describe o aluguer de mulleres con fins reprodutivos como unha mera transacción na que o concepto de maternidade se disocia da xestación e do parto"


09 outubro 2019
Conferencia Ángeles Álvarez

Ángeles Álvarez, activista feminista, experta en violencia de xénero e portavoz da RECAV (Rede Estatal contra o Aluguer de Ventres) centrou a súa conferencia na "Mercantilización reprodutiva do corpo das mulleres", no marco da xornada da Deputación de Pontevedra na Escola de Igualdade María Vinyals no Castelo de Soutomaior. A activista, presentada pola xornalista Salomé Soutelo, destacou na súa intervención que este feito se trata dun novo fronte na axenda feminista e instou o Estado a poñer límites e a prohibir de forma terminante o alugueiro de mulleres con fins reprodutivos.

Ángeles fixo fincapé na necesidade de anular a instrución do 5 de outubro de 2010 da Dirección Xeral de Rexistros e do Notariado, sobre réxime rexistral da filiación dos nacidos mediante xestación por substitución. Así, a activista feminista reivindicou que "unha instrución do rexistro non pode contradicir a lexislación, e temos moitas e moitos fiscais que están a poñer en cuestión este feito". Ao respecto, Álvarez anima a seguir "o modelo alemán, que debe ser a aposta en canto ao alugueiro de mulleres con fins reprodutivos".

Xunto a esta cuestión, Ángeles Álvarez tamén instou a considerar explicitamente o ilícito do aluguer de mulleres na Lei de reprodución humana asistida (na que se recoñece que os contratos para o alugueiro de mulleres con fins reprodutivos son nulos de pleno dereito) e a tipificalo como delito. Ademais, segundo a activista, tamén cómpre incluír como atentatorio da igualdade a publicidade relacionada co alugueiro de mulleres con fins reprodutivos e prohibir que se realice no territorio español calquera actividade de intermediación de servizos relacionados co aluguer de mulleres para a reprodución de seres humanos.

Ángeles Álvarez tamén incidiu na importancia da linguaxe, "elemento clave da industria reprodutiva, que describe o aluguer de mulleres con fins reprodutivos como unha mera transacción na que o concepto de maternidade se disocia da xestación e do parto". Neste eido, a conferenciante insistiu en que, "ao igual que a industrialización da prostitución aspira a convencernos de que poñer mulleres a disposición non é outra cousa que unha operación mercantil inocua, a industria reprodutiva describe o aluguer de mulleres como unha mera transacción. A través da linguaxe, as e os explotadores reprodutivos crean novos conceptos e terminoloxías para construír un escenario que borra todo o rastro das mulleres que participan no proceso. Crean, deste xeito, unha nova realidade e unha confusión conceptual ilegal que busca romper todo vínculo con quen xesta e pare".

Fronte a esta "creación de novos conceptos" que impón a industria reprodutiva, Ángeles Álvarez reivindicou a necesidade de "chamar as cousas polo seu nome: a capacidade de xestar e levar un embarazo a termo das mulleres non é unha técnica reprodutiva; estase a falar da lei do capitalismo, abrazada firmemente ao patriarcado, de que a maternidade debe entrar no comercio neoliberal". A activista insistiu en que o embarazo e o parto "son un feito real e biolóxico, non unha técnica, e supoñer que o útero dunha muller, o embarazo e o parto son técnicas reprodutivas está a deshumanizar as capacidades reprodutivas das mulleres, asimilándoas a vexetais". Ademais, e tamén relacionado co anterior, Álvarez apelou á epixenética e ás investigacións que "poñen de manifesto que a futura nai, a muller embarazada, é capaz de modificar a xenética da súa filla ou fillo aínda que o material xenético non sexa seu. Ademais, as células fetais tamén se transmiten á nai, permanecen para sempre na muller e a cambian".