Histórica transformación para o barrio da Estación en Arbo baixo o modelo de mobilidade amable e sostible da Deputación

Carmela Silva: ”Arbo merecía unha actuación como esta, que respondera a unha contorna tan fermosa e con tanta potencialidade, para que lle déramos moita vida”

05/08/2022

ARbo

Un novo aspecto e unha nova vida para o fermosísimo e histórico barrio da estación de Arbo. A transformación desta singular contorna a través das obras desenvolvidas pola Deputación, ao abeiro do seu modelo de mobilidade sostible e segura do século XXI, xa é unha realidade que foi destacada hoxe pola presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde Horacio Gil, na súa visita á apertura da zona. Ambos, acompañados da corporación, autoridades da Comandancia Naval do Miño e da veciñanza de Arbo, coincidiron na “potencialidade”  e na “calidade de vida para a veciñanza” que suporá esta actuación no barrio que é berce da actividade económica do concello e que, como subliñou Carmela Silva, “merecía unha actuación como esta que respondera a unha contorna tan fermosa”.

Cun orzamento de preto de 600.000 euros, financiado integramente pola Deputación, este é o investimento máis ambicioso levado a cabo en Arbo e vén dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza, cunha actuación desenvolvida na intersección das estradas EP-5202 e EP-5203, nun tramo de case medio quilómetro entre a contorna da Capela de San Antonio e a estación de tren, que vén dar solución ás deficiencias nos servizos que non se reparaban desde os anos 70, así como aos problemas de inseguridade viaria para peóns e peoas. Carmela Silva subliñou que esta obra é exemplo do modelo de mobilidade da Deputación que prima ás persoas na recuperación do espazo público e que “pon en valor edificacións, equipamentos e dotacións” e que servirá de acicate para “dar moita vida” a esta contorna “de enorme historia”, coa posibilidade da rehabilitación de vivendas que poida atraer “novos comercios de proximidade e hostalería”. Todo no barrio do tren, “un elemento fundamental agora que falamos da necesidade de ter medios de transporte máis respectuosos”.

A presidenta provincial destacou así mesmo que a Deputación estudará a proposta do alcalde para dar continuidade á obra, de xeito que se poida enlazar coa estrada provincial que baixa desde o casco urbano e mellorar así o acceso á estación. “Somos a administración con máis quilómetros de estradas na provincia, con 1.700, e temos que planificar, pero temos un enorme compromiso con mellorar as infraestruturas provinciais con este modelo. Estamos redactando máis proxectos e Arbo figura na lista dos que temos que poñer en marcha. Vai haber agora moitos recursos dos fondos europeos; estamos presentando numerosas obras e moitas están financiándose con estas achegas. Iso significa que imos ter mais capacidade inversora e sentarémonos  para falar desa obra, e acordar como a faremos, igual que esta”. A presidenta subliñou a relación institucional “amable e de diálogo” co Concello de Arbo: “Temos que ter esa mirada porque a veciñanza merece que respondamos ás súas inquedanzas”, e agradeceu precisamente ás e aos veciños e veciñas a súa paciencia durante a execución dos traballos “que agora vemos co resultado que mereceu a pena”.

Carmela Silva tamén se referiu á situación provocada polo gran incendio que estes pasados días asolou Arbo para incidir en que é necesario un debate con todas as administracións, estatal, autonómica, provinciais e locais, “para ver que podemos facer conxuntamente”. As competencias son claras, pero ante algo tan importante para a nosa vida hai que arrimar o ombreiro –apuntou-. Temos montes que son a nosa riqueza e vemos como se están queimando”. A este respecto, apuntou a posibilidade de retomar o proxecto provincial para financiar a creación de parques forestais como solicitou o rexedor municipal, “pero sería necesario que nos sentáramos e fóramos capaces de planificar un produto conxunto, aportando o que poidamos en función das nosas capacidades”.

Pola súa banda, o alcalde Horacio Gil destacou a satisfacción da corporación e da veciñanza por esta actuación que permite “a humanización desta contorna emblemática do concello, exemplo e berce do espírito emprendedor de Arbo, onde o século pasado houbo unha intensa actividade económica que se foi transmitindo ata hoxe”. Lembrou que era necesaria esta obra no núcleo “porque a última reforma fixérase nos anos 70 e había que reparar as infraestruturas, especialmente saneamento, abastecemento, que estaban moi deterioradas, instalar novas de telecomunicacións e iluminación e mellorar o pavimento, para facelo máis accesible a toda a veciñanza”. Gil apuntou que tamén se traballa coa Deputación na mellora do entorno de Cabeiras, cuxo proxecto está xa en redacción e agradeceu, ao igual que a presidenta, a colaboración entre ambas administracións, xunto aos técnicos e técnicas da empresa adxudicataria, e o compromiso da veciñanza e da Comandancia Naval do Miño, “porque eran obras moi complicadas que xeran moitas incomodidades e esta colaboración permitiu que se executaran de forma máis áxil”.

Actuación

As obras leváronse a cabo na intersección das estradas EP-5202 e EP-5203 en dúas zonas: a primeira no entronque das dúas estradas provinciais, na contorna da capela de San Antonio, que se converteu nunha zona de prioridade peonil con pasos de peóns e peoas elevados para reducir a velocidade dos vehículos que poden circular a unha máxima de 20 quilómetros por hora e con beirarrúas cun mínimo de 2,5 metros de ancho. 

Na segunda zona, de 310 metros, desde o entronque das estradas cara a estación de tren de Arbo, levouse a cabo unha senda cun ancho mínimo de 2,5m e plataforma única na zona de coexistencia de tráfico rodado e peonil, na que as persoas teñen preferencia.Colocáronse tamén alcorques delimitados por bandas de lousas de granito. Ademais, melloráronse as redes de abastecemento e saneamento e para a iluminación da zona instaláronse 24 farois LED e restauráronse 12 unidades xa existentes.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.