Noticias

Areeiro advirte do perigo que supón a proliferación dunha bolboreta asiática para o buxo da provincia

Un aviso fitopatolóxico extraordinario alerta da proliferación da Cydalima perspectalis por causa das altas temperaturas da pasada fin de semana


18 setembro 2019
Eiruga do buxo

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de emitir un aviso extraordinario ante a presenza xeneralizada de bolboreta do buxo, un insecto invasor orixinario do leste de Asia que se alimenta exclusivamente deste arbusto. A proliferación deste animal, cuxo nome científico é Cydalima perspectalis, débese á evolución das eirugas desta bolboreta por efecto das temperaturas tan elevadas da pasada fin de semana, que chegaron a superar os 30 ºC.

Deste xeito, tal e como informa a xefa da Unidade de Artrópodos e Control Integrado de Areeiro, Rosa Pérez Otero, as sebes e plantas illadas comezaron a presentar síntomas cuxa evidencia depende da comarca. Así, na parte sur da provincia a notoriedade dos sinais é máis alta, aínda que isto tamén depende das condicións particulares de cada exemplar.

Consecuentemente, é imprescindible revisar os arbustos na procura de síntomas para valorar a necesidade de aplicar dun tratamento inmediato ou de intervención. Esta revisión debe ser exhaustiva, dado que os indicios poden pasar inadvertidos se se concentran na zona baixa das plantas.

Así, a eiruga é de cor verde e mide entre 35 e 45 milímetros. A bolboreta nocturna, pola súa banda, posúe ás de cor branca, pode chegar a acadar entre os 26 e os 45 milímetros de envergadura e séntese atraída pola luz. Ademais, as bolboretas poden percorrer longas distancias polo aire, o que, unido á súa capacidade de reprodución e aos seus hábitos alimentarios, é prexudicial para a flora galega.