Noticias

Areeiro advirte dun nivel de alerta elevado ante a infección das viñas por oidio

O persoal da EFA insta a realizar un tratamento nos marmeleiros en fase de formación debido á existencia de moitas árbores atacadas


28 xuño 2019
Sintomas de oidio en viña con mal control mildio

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) vén de advertir no seu último aviso fitosanitario de que o nivel de alerta ante a infección de Oídio nas viñas da provincia debe ser elevado, xa que as previsións metereolóxicas foron favorables e é un patóxeno difícil de frear unha vez establecido. Tamén aconsella renovar a protección frente ao Mildio con produtos cunha materia activa diferente á aplicada ata o de agora xa que en xeral se notou un avance na sintomatoloxía.

Seguindo coas infeccións nas viñas, nesta semana víronse os primeiros acios afectados por Black Rot nunhas viñas non cultivadas (abandonadas) da comarca do Condado, onde tamén o número de manchas por folla era maior ao observado a semana anterior, polo que se aconsella a vixilancia. Pola súa parte,  en canto ao mosquito verde e outros cicadélidos os niveis de capturas nas trampas mantéñense baixos, apenas 20-30 adultos por trampa, mais as poboacións destes insectos poden ser variables mesmo entre parcelas da mesma comarca, polo que se insta a instalar trampas amarelas como método de seguimento, e nunca realizar tratamentos insecticidas indiscriminados para non alterar a fauna beneficiosa dos viñedos

Por outra parte, en dúas viñas da comarca do Salnés atopáronse unhas plantas con picaduras de alimentación en forma de pequenos puntos marróns nas follas "que sospeitamos que serían debidas a tisanópteros (trips), que nas nosas áreas vitícolas non adoitan ser frecuentes. Confirmamos no laboratorio á lupa e efectivamente había algunha ninfa. Seguiremos a evolución das poboacións".

En canto ás maceiras, o mantemento de condicións húmidas esta semana provocou a aparición de novos síntomas de moteado, tanto en folla como en froito, moi especialmente nas variedades máis sensibles, polo que se requírese un máximo nivel de atención, porque xa hai froitos con danos. Por outra parte, as condicións climáticas previstas son máis favorables ao desenvolvemento de couza da mazá, polo que de non facer un seguimento concreto aconséllase non descoidar as intervencións para evitar danos ás mazás, a partir dos que tamén poden producirse danos por fungos secundarios. Así mesmo, a humidade tan alta desta semana provocou a aparición de fungos de podremia tanto na froita con feridas aínda prendida nas árbores coma na do solo, polo que é conveniente retirar estes froitos para evitar o incremento dos danos, así como as postas das moscas da froita.

Outro dos consellos da EFA é o relativo aos marmeleiros e ao ataque de Entomosporium maculatum, xa que o continuado do tempo húmido deste mes leva a que cada vez sexan máis visibles os síntomas nas árbores atacadas. Polo tanto, onde se estea a producir este fenómeno é conveniente realizar un tratamento, porque aínda os marmelos están en fase de formación. Tamén se insta a cortar e eliminar os brotes con postas (non en planta nova) de psila africana e pulgóns nos cítricos como unha boa medida para reducir a súa incidencia.