Noticias

Areeiro recomenda iniciar tratamentos en viña e árbores froiteiras ante a chegada das altas temperaturas

O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica advirte que o bo clima que se espera para esta semana acelerará o agromado das plantas pero tamén a propagación de algunhas enfermidades e pragas


16 abril 2018
Aviso fitosanitario

A Estación Fitopatolóxica Areeiro advirte que, despois do longo período de precipitacións continuas e ante as condicións meteorolóxicas previstas para esta semana, con tempo seco e temperaturas altas, as plantas acelerarán o seu agromado pero tamén que as enfermidades e pragas poden estenderse con maior rapidez.

No relativo á viña, o persoal técnico de Areeiro asegura que nas condicións que se esperan haberá un maior desenvolvemento de gromos das cepas pero tamén de vexetación herbácea dos terreos, e recomendan manter baixo estrito control dita vexetación, co obxectivo de acadar unha boa aireación e evitar que se estendan as patoloxías. O primeiro tratamento que recomendan neste momento é unha aplicación fronte á excoriose naquelas parcelas onde tradicionalmente veñan observando problemas con esta enfermidade. En canto ao mildio non recomendan tratar aínda, posto que non se produciron todas as condicións necesarias para que se desenvolva a enfermidade.

Outro dos tratamentos que recomendan desde Areeiro é contra a bacteriose do kiwi. Segundo indican desde a EFA, as precipitacións constantes das últimas semanas facilitan esta patoloxía típica do kiwi, polo que tendo en conta que o agromado é unha etapa moi sensible é de vital importancia aplicar un tratamento neste momento. Para previr a dispersión desta enfermidade tamén recomendan extremar a hixiene da maquinaria, roupa e utensilios utilizados nas plantacións, e aconsellan o abonado equilibrado e evitar as regas por aspersión.

En canto aos cítricos a recomendación pasa por aplicar tratamentos contra o fungo Phytophthora spp, con sosetil-Al 80 %, con mancozeb ou con formulados de cobre sos ou combinados con outros funxicidas. Para evitar a propagación deste fungo, que se ve favorecida polas precipitacións acaecidas, tamén é necesario observar boas prácticas agronómicas como a drenaxe do terreo e a recollida dos froitos caídos e os podres que haxa nas árbores.

No eido das árbores froiteiras, tamén os melocotoeiros deben ser obxecto de tratamento, neste caso contra a lepra que se prevé de incidencia elevada para esta campaña que comeza. Recoméndase consultar aos servizos técnicos sobre o tipo de funxicida a empregar neste caso.

Por último, a EFA tamén advirte que o buxo pode precisar tratamentos contra a cydalima perspectalis, a coñecida comunmente como ‘a praga dos buxos'. O persoal técnico xa detectou nalgunhas plantas illadas de zonas abrigadas os primeiros síntomas do ataque desta bolboreta e coa melloría do tempo esperan que a situación se vaia xeneralizando. Desde Areeiro recomendan máxima atención aos primeiros síntomas e lembran que os tratamentos aplicados cando a praga xa está estendida e desenvolvida xa non son eficaces, de aí a necesidade de aplicalo no comezo do ataque.

Más información en:

 http://www.efa-dip.org/ga/Servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/Ultimo.htm

Fotos