Noticias

Areeiro recomenda vixiar a botrite nas viñas polas condicións climatolóxicas de humidade que se prevén para os vindeiros días

O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso no que tamén advirte da presenza de cicadelidos


13 agosto 2020
Aviso Areeiro

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda ás persoas viticultoras vixiar a botrite e outras podres da uvas, debido as condicións climatolóxicas de humidade que se prevén para os vindeiros días e ao incremento de azucres na uva que son favorables á aparición desta enfermidade. Deste xeito, o persoal especialista de Areeeiro suxire controlar moi ben os acios con feridas e/ou variedades sensibles, que ata este momento estiveron libres de infeccións pola seca.

Ademais, Areeiro destaca que de cumprirse as previsións de choiva para os vindeiros días será máis frecuente atopar acios afectados nas viñas máis sensibles, co que será preciso manter un elevado nivel de alerta e mesmo pode ser necesario aplicar un tratamento. Neste senso, o persoal da Estación sinala que dependerá do momento da vendima o funxicida a utilizar nestes casos, xa que no rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio de Agricultura existen produtos con prazos de seguridade de 1 e 3 días que son produtos de orixe natural, ou tamén de 14 días. No caso das adegas que limitasen a data de último tratamento, poden consultar ao persoal técnico a necesidade dalgún tratamento potencial no caso de que teñan feridas nos grans.

O persoal especialista de Areeiro indicou que na revisión das viñas desta semana, comprobouse que segue a bo ritmo o grado de maduración da uva, de xeito que as persoas viticultoras vinculadas á maioría das grandes adegas xa están fóra do período no que poden facer intervencións químicas. Para aquelas que non o están, lembra que se hai que dar un último tratamento deben elixirse sustancias o máis naturais posible por carecer de prazo de seguridade (ou ser este moi curto) e, naquelas zonas/variedades máis tardías, produtos co prazo de seguridade máis reducido ca data estimada de vendima.

O aviso fitosanitario refírese tamén a outras enfermidades da viña, como o mildio. Co cambio meteorolóxico desta semana, coa diminución de temperaturas diúrnas e o incremento da humidade, observáronse na meirande parte das viñas manchas nalgúns dos novos crecementos e tamén zonas de avance en manchas antigas en número maior cas observadas a semana anterior. Con todo, Areeiro considera que a aparición destes síntomas non fará perigar a adecuada maduración da uva porque tras este período sen choivas hai vexetación sa en abundancia, pero dependerá tamén de como evolucione a climatoloxía e por este motivo recomenda seguir mantendo a vixilancia.

Ademais de eliminar os brotes afectados nas viñas de reducidas dimensións, o persoal da Estación lembra que no rexistro de produtos fitosanitarios do Ministerio de Agricultura hai produtos autorizados cun prazo de seguridade de 1 e de 14 e 15 días que aínda se poderían aplicar naqueles predios nos que aínda quede un período maior para a vendima.

No que respecta ao oídio, Areeiro sinala que quedan restos nas viñas que xa tiñan presenza da enfermidade, onde tamén xa hai varios grans rachados, e é probable que se incrementen a raíz das choivas. Tamén na revisión desta semana detectouse unha maior abundancia de rebuscos afectados e trazas de oídio en follas, tanto en plantas sometidas a tratamento coma nas testemuñas. Aínda que algúns modelos climáticos seguen a indicar risco elevado de infección a día de hoxe, debido a que o fungo xa non pode infectar aos acios na fase na que están, de aquí á vendima non se precisará ningunha intervención máis. Non obstante, o persoal especialista recomenda eliminar os acios máis afectados para impedir que a podre se instale sobre eles de empezar a rexistrarse períodos de precipitacións.

No que atinxe ao black-rot, destaca que xa non hai risco de danos aos acios, mentres que no caso das avelaíñas do acio, tampouco se atoparon postas e apenas perforacións larvarias, e case non houbo capturas de adultos nas trampas, polo que non son de esperar danos directos polas avelaíñas ata a vendima, aínda que hai que vixiar os indirectos (botrite).

Areeiro destacou tamén que esta semana recolleuse o primeiro adulto do cicadelido Scaphoideus titanus da campaña, nun predio do Rosal. Porén, hai que falar dun reducido número de capturas de adultos doutros cicadelidos nas trampas (aínda que nunha das viñas da rede da Estación si se incrementaron) e tamén de moi baixo número de ninfas nos recontos ás follas.

Doutra banda, observáronse de novo síntomas de trips nalgunhas viñas da comarca do Salnés, pero o número de gromos afectados e a presenza de individuos neles, polo menos nos visitados, non xustifican un tratamento, segundo Areeiro. Ademais, co cambio na climatoloxía é de supoñer que as poboacións e os síntomas se reducirán. E no caso dos ácaros, volvéronse atopar novos síntomas de acariose no Condado, pero neste caso nun predio abandonado. Tamén de erinose estival vense cada vez máis síntomas nos gromos, que nalgún predio chegan mesmo a deformar completamente as follas tenras.

Ademais, o aviso fitosanitario refírese tamén a incidencias noutras plantas e cultivos. No caso da bolboreta do buxo, recomenda incrementar a vixilancia, porque aínda que de momento non se atopan síntomas novos, sen dúbida irán aparecendo. Deste xeito, esta semana non se capturaron adultos nas trampas, pero viuse un adulto e se atoparon na parcela de Areeiro máis eirugas L1 e L2, e unha case en L3.

No caso das hortícolas, o persoal especialista da Estación alerta sobre varias pragas que empregan o abrigo que lle proporcionan os restos vexetais das plantas das que se recollen os froitos (pataca, tomateira, etc.) para pasar o inverno e así poder afectar aos cultivos cando se repoñan. Co fin de limitar o risco, sinala que é necesario abandonar a práctica habitual de deixar os restos a carón do invernadoiro ou horta e eliminalos.