Tiro de saída ao programa da Deputación “Degusta Europa” que repartiu preto de 800 tapas no mercado do Grove

Degustáronse elaboracións de Francia, Italia e Suíza preparadas polo alumnado do CIFP Carlos Oroza con produtos da provincia de quilómetro cero

12/05/2022

Degusta Europa

O programa da Deputación de Pontevedra “Degusta Europa” vén de arrancar no Mercado do Grove con grande éxito de participación. Veciñanza da vila e persoas traballadoras do mercado municipal acompañaron ao deputado de Cooperación Santos Héctor, á deputada provincial Noemí Outeda e ao alcalde do Grove, José Cacabelos, e desfrutaron de ata 800 tapas de pratos típicos de Francia, Italia e Suíza elaborados polo alumnado do CIFP Carlos Oroza con produtos da provincia de quilómetro cero.

Ragout de feixóns, mexillóns, codium e froitos do mar reinterpretando o guiso francés elaborado con tenreira e primavera de verduras; carpaccio de robaliza e brotes frescos simulando o prato italiano con solombo de tenreira aliñado e salpimentado e acompañado de tosta de pan quente e encurtidos; lemon pie, sobremesa suíza reinterpretada con manteiga, fariña, laranxa, limóns, ovos, azucre e vainilla; e o italiano cóctel Bellini elaborado con espumoso galego, viño albariño e mirabeles foron as propostas que ofreceu o CIFP Carlos Oroza no Mercado do Grove. En total, esta mañá o alumnado e profesorado do centro educativo pontevedrés repartiu no mercado preto de 800 tapas (200 de cada elaboración) que foron degustadas con grande acollida pola veciñanza da vila.

“Non hai mellor forma que conmemorar así Europa” destacou o deputado de Cooperación, Santos Héctor, quen aproveitou a ocasión para remarcar os produtos “incribles” de proximidade que se venden nos mercados locais, “cos que se poden elaborar pratos de calquera lugar do mundo”, e a “profesionalidade” do alumnado do CIFP Carlos Oroza, “que foi quen de reproducir pratos de diferentes países  europeos con produtos mercados hoxe aquí, no Grove”. Na mesma liña se pronunciou o alcalde, José Cacabelos, quen fixo fincapé ademais na importancia do proxecto común de Europa e na gastronomía “como linguaxe universal, como fío condutor de comunicación, que está a poñer en valor os produtos de quilómetro cero e a amosar coa intelixencia e coñecemento do alumnado do CIFP Carlos Oroza que con eses produtos se poden adaptar receitas europeas e somos capaces de comunicarnos entre todas e todos”.

Degusta Europa” continuará o xoves que vén, 19 de maio ás 11.00 horas, no mercado de Mondariz tamén con elaboracións preparadas polo CIFP Carlos Oroza que alí ofrecerán pan de pita con roupa vella de matanza e queixo galego (Grecia), Smoreebrob de troita (Dinamarca), Panaacotta de requeixo con mirabeles e moras (Italia) e, como bebida, un cóctel Negroni (Francia). O venres 20 no Mercado de Pontevedra (11.00 h) o mesmo centro educativo encargarse de preparar sopa de goulash de tenreira con pan de manteiga (República Checa), maatjesharing (Países Baixos), moules frites (Bélxica) e un cóctel Black Velvet (Irlanda).

Nos mercados de Gondomar (24 de maio), do Progreso en Vigo (26 de maio) e A Guarda (31 de maio), ás 11.00 horas, será o CIFP Manuel Antonio o encargado de elaborar as propostas gastronómicas que consistirán nunha cunca da horta de cabaza asada, escuma de patacas e aire de ceboliño; tosta de cabala afumada; risotto cremoso de grelos con brocheta de galiña; desfiado de porco a baixa temperatura en pan de pita; tirabuzóns de calamar crocantes sobre produtos da terra; vasiños de iogur e crema de marmelo, enreixado de cabelo de anxo, melindres e torta das Rías Baixas.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.