Arranca “Depo Aventura na Lanzada”, os campamentos que desfrutarán 1.540 nenas e nenos da provincia nunhas instalacións renovadas

Carmela Silva subliñou a modernización levada a cabo nas instalacións e as novas actividades de lecer, deporte e educación en valores como un obradoiro dedicado a coñecer ás mulleres científicas ou a feira romana “Arde Lanzadus”

28/06/2022

As 140 crianzas de entre 8 e 13 anos da primeira quenda de campamentos xa están a desfrutar do programa “Depo Aventura na Lanzada”, que este ano ten como temática A Lanzada, un paseo pola Historia”, e que a Deputación recupera despois de dous anos de parón pola pandemia. Ao longo deste verán serán 1.540 os rapaces e rapazas da provincia que participarán nesta iniciativa que lles ofrece unha semana nunha contorna privilexiada con múltiples actividades culturais, de coñecemento e deportivas para desfrutar en convivencia. Como subliñou hoxe a presidenta Carmela Silva, a Deputación ten levado a cabo neste ano unha renovación no recinto “ampliando as tendas e mellorando e modernizando as instalacións para que os nenos e nenas estean nas mellores condicións” e poidan gozar “desta amplísima oferta que amais do lecer e do deporte tamén pretende educar en valores”.

No eido da mellora das instalacións, Carmela Silva apuntou que se nos anos anteriores á pandemia, o número de crianzas por tenda era de cinco, agora será de tres, “para maior confort e tamén porque estamos aínda nunha situación complexa pola Covid, e temos que ser moi coidadosas e coidadosos”. Amais dun maior número de tendas, as crianzas participantes verán ampliadas a zona de comedor e acondicionada a zona de árbores. Carmela Silva explicou que ata o 10 de setembro serán un total de 11 as quendas dos campamentos, cada unha de sete días, con 70 rapaces e 70 rapazas cada unha. A entrada será todos os domingos a partir das 4 da tarde e de forma gradual ata as 7 para facela adaptada ás normas de distancia social.

A presidenta destacou as numerosas actividades que mesturan lecer, deporte e coñecemento coa finalidades de que as e os participantes vivan unha experiencia completa nun entorno privilexiado. Inclúense propostas socioculturais, recreativas, formativas, medioambientais, científicas e de convivencia que posibiliten a participación de todas as rapazas e rapaces, que se complementarán cunha iniciación á inmersión lingüística en inglés.

Unha das novidades será un obradoiro dedicado ás mulleres científicas, “porque queremos que as nenas e os nenos coñezan ás mulleres da ciencia”.  No taller realizaranse experimentos caseiros e se porá en valor a figura da muller, “tendo de referencia a científicas de toda a historia”. Tamén desfrutarán dunha feira romana Arde Lanzadus, e de excursións ao Monte da Siradella e a Ons, obradoiros, actividades de coñecemento do medio, xogos nocturnos e, para rematar, unha gran festa final “para festexar a semana vivida no campamento”. Por outra banda, nos meses de xullo e agosto, en coordinación coa Asociación de Persoas Xordas XOGA, haberá actividades para que as crianzas visualicen a linguaxe de signos.

Amais, os  e as participantes volverán a crear as súas propostas de mascota para decidir a imaxe da do vindeiro ano, e teñen na ampla oferta deportiva con actividades como tiro con arco, bodyboard, snorkel, xogos de praia, malabares ou sesións doutros deportes minoritarios.  Todas as actividades serán prestadas por un equipo especializado e , no caso de menores con necesidades especiais, por razón da súa discapacidade disponse do persoal de apoio necesario adaptado. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.