Arranca en Silleda o pioneiro proxecto da Deputación “Mulleres Extramuros” que encherá de arte mural o núcleo rural de Cortegada

Artistas como Xoana Almar, Lula Goce, Laura Iturralde, Basilisa Fiestras, Ness Morais, Virginia Bersabé e Tamara Alves convivirán coas mulleres de Cortegada para transformar a aldea con proxectos murais

26/03/2022

A Deputación de Pontevedra deu este sábado o pistoletazo de saída en Silleda a “Mulleres Extramuros” que vén de comezar hoxe mesmo coa primeira fase deste pioneiro e revolucionario proxecto que encherá de arte mural o núcleo de Cortegada. Durante esta fin de semana a aldea concentra xa a artistas da talla de Xoana Almar, Lula Goce, Laura Iturralde, Basilisa Fiestras, Ness Morais, Virginia Bersabé e Tamara Alves que convivirán coas mulleres do lugar para intercambiar experiencias e historias que inspiren despois os proxectos artísticos que transformarán muros e lugares de Cortegada. Trátase de volver a ollada cara á memoria simbólica, escoitar e situar ás persoas no centro, convivir con elas, e implicar e imbricar a arte na vida. En definitiva, un escenario de encontro entre artistas e veciñanza, entre creación e territorio rural, acollendo creadoras de recoñecido prestixio e traxectoria, para recuperar o espazo público desde o activismo pola igualdade. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asistiu ao acto de arranque do proxecto, acompañada polo alcalde de Silleda Manuel Cuíña, as artistas e as  veciñas da aldea coas que compartiron unha “chocolatada”. Xa pola tarde, visitaron a parroquia, coñecendo lugares de interese e localizando posibles espazos de intervención.

“Este é un proxecto moi especial, único, que persegue que a veciñanza de Cortegada, moi particularmente as mulleres, xunto con valiosísimas mulleres da arte traballen e constrúan xuntas para transformar a vila. Non me podo crer o que está pasando hoxe aquí”, asegurou unha emocionada Carmela Silva no Centro Sociocultural. A presidenta da Deputación, que lembrou as súas orixes, non ten dúbidas de que este proxecto “vai facer famosa a Cortegada” e amosou a vontade de facer que “este proxecto se coñeza en todo o Estado como un elemento dinamizador, de diálogo, participativo”. Por estes motivos adiantou que no acto de inauguración dos proxectos artísticos de “Mulleres Extramuros” “imos intentar que veña o secretario de Estado de Reto Demográfico, porque queremos divulgar este tipo de actuación de colaboración, de creación conxunta e posta en valor do rural”. “É un proxecto extraordinario – dixo- baseado no orgullo do noso rural, cheo de historias das que as mulleres sempre foron grandes contadoras, e do coñecemento e o traballo atesourado por elas coas que as artistas crearán redes nunha actividade colaborativa, chea de sororidade, traballando xuntas coas veciñas”.

Pola súa banda as artistas, que detallaron o proceder na súa obra artística e as liñas de traballo que desenvolven, agradeceron poder participar nesta “brutal” experiencia conxunta de convivencia e interacción coa veciñanza de Cortegada a través da cal se crearán pezas artísticas que deixarán “unha pegada de nós mesmas e o noso corazón”. Afirmaron, ao tempo que agradeceron á institución provincial o feito “de coidar os tempos, de darnos a oportunidade de coñecernos entre nós, de convivir, de escoitar para respectar ao máximo as historias e identidade de Cortegada”, o seu desexo de que o proxecto se repita en todas as zonas rurais de Galicia.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, expresou o seu agradecemento á Deputación por escoller Cortegada para “unha actividade tan fermosa e pioneira en Galicia, que nos ilusiona tanto e que pon en valor ás mulleres do noso rural”. Moi emocionado, Cuiña aproveitou tamén o cheo no Centro sociocultural para anunciar “unha noticia que levades tanto tempo esperando como é que por fin o vindeiro xoves aprobaremos no pleno a adxudicación da  restauración da Escola de Cortegada e poderemos empezar xa a as obras o mes que ven. Sei que é unha noticia importantísima para a parroquia e estamos moi felices”.

As fases de “Mulleres Extramuros”

Nesta primeira fase, que continuará a vindeira fin de semana na aldea, as artistas convivirán coas veciñas para intercambiar experiencias, compartir historias, escoitar as súas anécdotas, e experimentar a vida no núcleo rural. Tamén realizarán percorridos pola parroquia para coñecer a memoria do lugar, os seus recursos naturais, sociais, históricos, arqueolóxicos e etnográficos.

Tras esta primeira etapa, as artistas traballarán nos seus proxectos para Cortegada que serán presentados a finais de maio. Cada una creará un proxecto específico de intervención artística para o núcleo rural en función das historias e vivencias alí experimentadas.  Xa a comezos de verán, as artistas regresarán á aldea, onde estarán entre dez e quince días desenvolvendo cadanseu proxecto, inspirados e creados única e exclusivamente para Cortegada e que se poderán ver no mes de xullo. Finalmente, no outono presentarase un catálogo e un vídeo da actividade que ten previsto continuar, o vindeiro ano, noutro núcleo rural da provincia.

Esta actuación integral de interacción, intervención, creación e convivencia de artistas plásticas no rural, promovendo a arte contemporánea como ferramenta de cambio social se concibe como un cambio cara a sustentabilidade e a repoboación, cara a igualdade e a capacidade de escoita. Coa premisa de convivir para crear, crear para convivir,  é unha aposta para que as mulleres ocupen o espazo público, rachando cos muros e coas lindes que impuxo o patriarcado ao longo da historia, intervindo, transformando, compartindo, colaborando no espazo rural a través da arte. Ademais, nun momento crítico de loita contra a despoboación no interior da provincia esta iniciativa quere ser “semente”, cultivando procesos creativos participativos que leven á cidadanía a repensar o espazo público compartido dende a arte, recollendo o patrimonio intanxible de tantas veciñas do rural que ficaron na invisibilidade ao longo da súas vidas e que teñen unha historia que urxe poñer en valor, en salvagarda, para que a historia tamén se escriba coas súas historias. Trátase de crear con elas.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.