Noticias

Arranca na rede a escrita de ‘Caramomia', a novela xuvenil interactiva promovida pola Deputación que asinan catro autoras e autores galegos

O lanzamento da historia, que escriben xa "a oito mans" Ledicia Costas, Daniel Landesa, María Lado e O Hematocrítico, iniciouse en Instagram e pode lerse tamén por entregas na páxina web da institución provincial


11 maio 2020
Caramomia

Coa presentación do primeiro das e dos seus catro personaxes principais, Roque, arrancou hoxe na rede Instagram a novela Caramomia, a nova iniciativa cultural que promove a institución provincial e que busca implicar a mocidade na lectura a través da publicación por entregas desta historia xuvenil de misterio. Trátase dun proxecto que está asinado a oito mans por dúas e dous dos autores máis recoñecidos da comunidade: Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico (pseudónimo de Miguel López) e que se pode ler tamén na propia páxina da Deputación de Pontevedra. Como explicou a presidenta Carmela Silva na súa presentación, esta iniciativa remarca o firme apoio e o compromiso da Deputación coa cultura e, particularmente, coas escritoras e escritores galegos, apostando ademais por "un novo modelo interactivo e dixital como instrumento de creación literaria".

A historia de Caramomia, que vai dirixida á mocidade a partir dos dez anos, foi ideada por estas e estes catro creadores nestes días de confinamento e a ficción transcorre tamén na corentena. Está protagonizada por catro rapazas e rapaces, Roque, Brando, Mafalda e Mabel e, como apunta a súa sinopse, haberá un feito que altere a monotonía dos días de illamento: o roubo dunha valiosa peza do museo. As sospeitas das e dos catro xiran en torno a Caramomia, para eles, unha señora pouco recomendable á que cómpre vixiar moi de preto. Por iso emprenderán unha investigación na que non só van ser eles as e os protagonistas, senón que tamén o serán as lectoras e lectores da novela, xa que poderán decidir como queren que avance a trama e as accións das e dos personaxes.

Así, despois dos catro primeiros capítulos (estes publicaranse os luns, mércores, venres e sábados), que servirán para a presentación dos protagonistas e da trama, a partir da semana que vén establecerase ao final de cada entrega, como explicou a autora Ledicia Costas, un sistema de votacións no que se darán opcións para que as e os lectores decidan por que camiño vai avanzando a resolución do misterio. Ademais, destacou que a historia antiga terá "unha importancia moi relevante, de aí o título de Caramomia" e apuntou que o deseño gráfico da novela é de Daniel Landesa.

Neste primeiro capítulo lanzado na mañá de hoxe a iniciativa arrancou en Instagram con arredor de 350 seguidores. A historia publicarase ata o 20 de xuño nesta rede e na páxina web da Deputación e os enlaces iranse compartindo tamén nos outros perfís da institución provincial nas redes sociais Instagram, Twitter e Facebook.

Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico traballarán en equipo e iranse repartindo a escritura dos 24 capítulos desta novela interactiva nun reto que definiron na presentación de "Oito Mans" como "unha aventura" e, ao mesmo tempo, afirmaron que a proposta lles serviu para reinventárense trala situación de confinamento que detivo todas as axendas culturais.

Carmela Silva anunciou tamén na presentación do proxecto que, unha vez rematada a súa publicación virtual, a idea é que a institución provincial edite en formato papel esta obra. "Estes proxectos tan novidosos teñen que quedar para a posteridade", apuntou. A presidenta incidiu en que o apoio á industria cultural, "ademais de ser unha convicción desta Deputación, considéroa unha obriga, agora aínda máis necesaria nesta crise sanitaria, na que a cultura encheu todos os espazos da nosa vida". Ademais, fíxolles un chamamento a todas as administracións "para que lle dediquemos unha parte relevante dos nosos recursos á cultura" e ao conxunto da sociedade "para que consumamos cultura".