Arrancan en Vigo os cursos de español para persoas inmigrantes que promove a Deputación

Vinte persoas, a maioría de Brasil e Marrocos, participan na primeira das tres accións formativas deste ano para facilitar ao alumnado a obtención do diploma DELEA2

18/05/2022

cursos de español

A sede da Deputación en Vigo acolle desde este mércores o primeiro dos tres cursos de español para persoas inmigrantes que organiza a institución provincial este ano, no que participan un total de 20 persoas procedentes de Brasil (8), Marrocos (6), Senegal (4), Angola e Nixeria. Dezasete destas persoas residen en Vigo, e as tres restantes nos concellos do Porriño e Cangas, e hoxe recibiron a benvida da deputada Ana Mejías.

Esta acción formativa está encamiñada a que persoas non hispanofalantes poidan preparar e superar a proba DELE (Diploma de Español Como Lingua Estranxeira) A2, un requisito indispensable para acadar posteriormente a nacionalidade española. Trátase dunha proba que require unha preparación previa e ten un custo económico que soen dificultar o acceso á nacionalidade para un determinado sector da poboación e, polo tanto, favorecen procesos de exclusión social. A través deste programa, que a Deputación desenvolve cun convenio coa Universidade de Vigo ao través do Centro de Linguas, a institución provincial subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no exame.

Este primeiro curso en Vigo prolongarase ata o 3 de xuño e será do 5 ao 30 de setembro cando se celebren as outras dúas accións formativas desta sexta edición en Pontevedra e Vigo, con 20 e 15 prazas respectivamente. Trala superación do curso, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 no Instituto Cervantes en Vigo, en setembro para quen realice a acción en maio, e en novembro no caso das persoas que a fagan en setembro.  A Deputación desenvolve desde o ano 2017 estes cursos de español e nas cinco edicións anteriores participaron 290 persoas de máis dunha vintena de nacionalidades, sempre con resultados moi positivos no exame do Cervantes. O pasado ano houbo un 95,45% de persoas aprobadas.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.