Noticias

As axudas de dinamización da lingua da Deputación de Pontevedra chegan este ano a 74 entidades da provincia

A deputada María Ortega anunciou hoxe a resolución das subvencións para fomentar o galego en toda a provincia, cun reparto de 120.000 euros


06 setembro 2019
Subvenciones lingua

Un total de 74 entidades sen ánimo de lucro acaban de ter aprobadas as súas axudas, en Xunta de Goberno, para actividades de dinamización da lingua galega na provincia de Pontevedra durante este ano 2019.

Segundo explicou a deputada de Lingua María Ortega foron beneficiadas por comarcas:
Comarca de Pontevedra

Dez con preto de 11.500 euros dos 120.000 euros totais da liña de achegas consignada para toda a provincia.

En concreto, foron seis colectivos do concello de Pontevedra, dous de Poio, un da Lama e outro de Ponte Caldelas os que recibirán as achegas provinciais aprobadas hoxe en Xunta de Goberno.

Comarca de Vigo

Resultaron beneficiadas trinta entidades con preto de 30.000 euros dos 120.000 euros totais da liña de achegas consignada para toda a provincia.

Recibirán axudas 19 colectivos do concello de Vigo, cinco de Redondela, dous de Mos, e un de Gondomar, Baiona, Nigrán e O Porriño.

Comarca do Morrazo

Resultaron beneficiadas doce entidades con 9.644,5 euros dos 120.000 euros totais da liña de achegas consignada para toda a provincia. Cinco colectivos de Cangas, catro de Moaña, dous de Bueu e un de Vilaboa.

Comarca do Salnés

Sete entidades foron beneficiadas con máis de 12.500 euros .

Recibirán achegas catro colectivos de Vilagarcía de Arousa, dous de Sanxenxo e outro de Cambados.

Comarca de Deza

Na comarca de Deza resultaron beneficiadas tres entidades cunha achega de 5.571,92 euros.

Foron dous colectivos de Lalín (Asociación Amigos da Casa do Patrón e Asociación Etnográfica de Codeseda) e un da Estrada (Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada). Serán, respectivamente, 2.359,46 euros para o libro O Castro de Doade: Unha fortificación da Idade do Ferro no corazón do Deza, 1.914,28 euros para a segunda edición do libro Casa do Patrón: o Gran Ecomuseo do Mundo Rural Galego, e 1.298,18 euros para o 23.º Premio Xornalístico Manuel Fernández Portela, respectivamente.

Comarca do Condado-A Paradanta

Seis entidades resultaron beneficiadas cunha achega de 12.351,32 euros. En concreto, foron catro colectivos de Ponteareas (Casa Cultural de Arcos, Centro Cultural de Xinzo, Fundación Musical de Xinzo e Fundación Rogelio Groba), un de Salvaterra de Miño (Asociación Socio Cultural e Deportiva Condado) e outro de Arbo (Asociación Barca de Loimil) os que recibirán as contías.

Comarca do Baixo Miño

Resultaron beneficiadas catro entidades cunha achega de 5.564,95 euros.

En concreto, foron tres colectivos do Concello de Oia (Asociación Costa dos Castros, Amigos do Mosteiro de Oia, e Asociación Santa Eugenia de Mougás), xunto cun do Rosal (Agrupación Musical do Rosal) os que recibirán as contías aprobadas hoxe en Xunta de Goberno para diferentes actividades.

Tamén conseguiron subvención a Federación de Libreiros de Galicia pola feira do libro de Pontevedra, e a Fundación Luis Tilve, para a publicación da obra La casa del maestro de Pontevedra (1934-1936).

As axudas para a dinamización do galego pretenden impulsar e fomentar o uso do idioma en todos os ámbitos sociais da provincia mediante o apoio a actividades de entidades sen ánimo de lucro. Nas bases contemplouse financiamento de actividades en catro apartados: o fomento da creación e da difusión cultural en lingua galega –que incluía certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, e feiras e eventos que promocionen a creación en lingua galega–; sociolingüística e toponimia –referido a estudos e publicacións sobre sociolingüística–, e xornadas e publicación de recuperación da toponimia; fomento do emprego do galego no comercio e na industria –encamiñado a promover xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega–; e recoñecementos e distincións, no que se daba cabida a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración das Letras Galegas ou que recoñecesen o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.

Para a adxudicación das subvencións, as bases reguladoras contemplaban catro criterios: o orzamento total da actividade, cunha puntuación de ata 40 puntos; a adecuación da actividade ao interese provincial, con ata 25 puntos; a difusión da actividade, con ata 20 puntos; e a porcentaxe solicitada de financiamento, con ata 15 puntos.

Para solicitar estas axudas, as persoas físicas e xurídicas debían carecer de fins de lucro e desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra –aínda que excepcionalmente podían ser admitidas entidades de fóra da provincia se as actividades versaban sobre temas de interese para a provincia–. Non podían beneficiarse destas subvencións as ANPAS nin as asociacións que tiveran pendente de xustificar subvencións concedidas no exercicio anterior no mesmo programa.

As bases destacaban que estarían expresamente excluídas as actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación; os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realizan ao longo de todo o ano. Tamén se excluían as viaxes de lecer, as excursións, as festas gastronómicas e as festas populares, así como os gastos gastronómicos –agás cando gardasen relación directa coa actividade e fosen necesarios para o seu desenvolvemento–.

Neste exercicio 2019 quedaron fóra das axudas seis entidades solicitantes, entre outros motivos por non seren posibles beneficiarias segundo os criterios fixados, por solicitar axudas para eventos non subvencionables, por non atender aos requirimentos de documentación ou presentalos fóra de prazo ou incompletos. 

Anexo.