Noticias

As Brañas de Xestoso acollen este domingo a penúltima das rutas ornitolóxicas da deputación "Voando nas Rías Baixas 2019"

Con todas as prazas esgotadas en 24 horas o percorrido por esta zona do Deza e Terra de Montes está protexido pola Rede Natura 2000 e declarado Zona de Especial Conservación


17 maio 2019
Brañas de Xestoso

Un grupo de 25 persoas participará este domingo, 19 de maio, a partir das 10.00 horas da mañá, na penúltima ruta ornitolóxica do programa "Voando nas Rías Baias 2019" que, neste caso, levará ás persoas participantes ás Brañas de Xestoso. Esta proposta, que organiza a Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife e esgotou en menos de 24 horas as prazas ofertadas, percorrerá os concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada para observar aves rapaces e especies migratorias procedentes de África.

As Brañas de Xestoso, situadas entre as comarcas de Terra de Montes e Deza, trátase dun espazo protexido pola Rede Natura 2000 e declarado Zona de Especial Conservación. Representa as serras baixas interiores da provincia de Pontevedra e conta con valiosos ecosistemas como brañas, prados húmidos, turbeiras, rochedos, carballeiras e a Lagoa Sacra de Olives. Nos meses de primavera as Brañas de Xestoso convértense no hábitat ideal para observar e escoitar a escribenta amarela, a escribenta riscada, laverca, tordo charlo, trigueirón ou especies migratorias procedentes de África como o picanzo vermello, pica dos árbores, cuco ou bubela.  Amais, este espazo é tamén idóneo para observar aves rapaces como a tartaraña cincenta, gatafornela, aguia cobreira, miñato abelleiro ou o falcón peregrino.

Durante o percorrido polas Brañas de Xestoso as 25 persoas participantes estarán acompañadas por dúas persoas monitoras ornitólogas. Amais, a Deputación de Pontevedra pon a disposición das e dos participantes  o material óptico así como unha guía ornitolóxica.

"Voando nas Rías Baixas" é unha iniciativa para achegar ao público, de xeito totalmente gratuíto, a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra. Trala primeira cita en xaneiro polo Esteiro do Río Miño e a Foz da Ramallosa, en febreiro pola Enseada de San Simón na Ría de Vigo, e en marzo pola Reserva Ornitolóxica do Grove, chega agora a quenda das Brañas de Xestoso para rematar, o 16 de xuño, na Serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo).

A través de "Voando nas Rías Baixas", enmarcado nas propostas lanzadas ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo, preténdese sensibilizar á poboación local, internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. Cómpre lembrar que o turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo. Amais, con estas rutas estase a apostar por poñer en valor os recursos naturais, sensibilizando á poboación local, así como impulsando o desenvolvemento turístico e económico sustentable dos núcleos rurais en zonas de alto valor ecolóxico.


Novas relacionadas

Voando nas Rías Baixas

28 xaneiro 2019, san simón, medio natural, ruta ornitolóxica, voando nas rias baixas