Noticias

As brigadas de mantemento de Mobilidade esparexeron máis de seis toneladas de sal na última semana nas estradas provinciais do concello de Silleda

Dúas equipas de traballadores con base no parque de Codeseda atenden de forma permanente as 16 vías provinciais do termo municipal e as dúas compartidas con Vila de Cruces e Forcarei


09 xaneiro 2019
Sal contra as xeadas

As brigadas de Mobilidade da Deputación de Pontevedra están a reforzar as súas quendas de traballo para evitar problemas de seguranza viaria ao longo dos 1.700 quilómetros das estradas da rede provincial debido á actual vaga de frío. Diariamente durante as últimas xornadas estanse a realizar percorridos preventivos tanto pola mañá como tamén pola tarde esparexendo sal para evitar a formación das placas de xeo nas zonas de maior perigo.

En concreto, no concello de Silleda, existen dúas brigadas con base no parque de Codeseda que realizan percorridos polas estradas da Deputación no municipio. De forma permanente o persoal vixía o estado das 18 vías provinciais que cruzan o territorio silledense –tanto no propio municipio como as compartidas co concello de Forcarei e Vila de Cruces–: EP-6501 Graba-Escuadro, EP-6502 Silleda-O Castro-Merza, EP-6503 Silleda-Siador-Refoxos, EP-6504 Negreiros-Carboeiro, EP-6505 Acceso ao mosteiro de Carboeiro, EP-6506 Breixa-Manduas, EP-6508 A Somoza-Escuadro, EP-6509 Escuadro-Silleda, EP-6510 Lamela-Moalde-Senra, EP-6511 A Bandeira-Piñeiro, EP-6512 Vilanova-Oleiros, EP-6513 Piñeiro-Lamela, EP-6514 Rellas-Escuadro, EP-6515 Senra-Escuadro, EP-6516 Graba-Fiestras, EP-6518 Silleda-Ponte, así como EP-7201 Cachafeiro-Silleda (compartida con Forcarei), e EP-7017 Callobre-Ponte Ledesma (Vila de Cruces).

Os percorridos fanse de forma máis intensa nas vías problemáticas xa coñecidas polos capataces, que están situadas en zonas máis frías, húmidas ou sombrías, así como naquelas nas que hai un maior tránsito de vehículos ou persoas. Neste sentido, o coordinador das brigadas da Deputación destaca que a maior cantidade de sal esparexida polos camións provinciais na última semana en Silleda –máis de seis toneladas– fíxose nas estradas Cachafeiro-Silleda, na zona de Escuadro, e na vía Silleda-Siador-Refoxos, sempre atendendo tamén puntualmente as necesidades doutros treitos máis pequenos do resto do viario.

Deza-Tabeirós

Ao igual que no caso do concello de Silleda, as brigadas con base nos parques de Codeseda e Lalín atenden ao resto dos municipios da zona interior da provincia realizando percorridos diarios preventivos por todas as estradas provinciais. As equipas dispoñen nestes momentos dunha nova provisión de 50 toneladas de sal para o primeiro dos parques e outras 25 para Lalín, ampliables de forma automática coa empresa subministradora se é preciso. Dispoñen de máquinas esparexedoras de sal, tamén dunha coitela para a retirada da neve, así como camións nos que instalar outro tipo de máquinas auxiliares no caso de necesidade.

Cabe lembrar que as brigadas están a traballar en horario de mañá, de tarde, e de garda localizada durante a noite para atender incidencias chegadas desde o servizo de Vixilancia da Deputación, que recibe avisos tanto desde o 112, dos concellos, de policías locais e incluso da veciñanza. Este servizo de vixilancia localiza ás brigadas para desprazar equipas de ser necesario e solucionar cantos problemas se presenten por xeadas, neve, asolagamentos, retirada de árbores, ou atención auxiliar no caso de accidentes de tráfico.

O responsable provincial de Mobilidade destaca a implicación do persoal provincial durante esta vaga de frío, xa que sabedores da saturación de todas as brigadas en activo para atender emerxencias e realizar servizos preventivos polo xeo, houbo traballadores que renunciaron aos días libres correspondentes para atender todos os requirimentos recibidos, algo que aconteceu por exemplo a pasada semana no concello de Vila de Cruces, onde a brigada que debía descansar pasou a estar en activo.